O alcalde convoca aos axentes sociais e económicos para “salvar o AVE en Ourense”
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, vén de convocar aos axentes sociais, económicos da cidade a defender a integración ferroviaria da cidade a través da variante exterior. O alcalde lembra que durante as últimas semanas teñen xurdido dúbidas acerca deste proxecto e que a comparecencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, o pasado martes no Senado “aumenta a inquedanza e dá a entender que o Goberno pode estar cuestionando o proxecto público máis importante da historia desta cidade”.
Por este motivo, “é o momento –sinala o alcalde- dunha forte mobilización institucional, empresarial e cidadá para salvar o proxecto do AVE en Ourense e en Galicia, porque
se finalmente o Goberno recupera o “trazado da vergoña” proposto no seu día, o AVE a Galicia quedará lastrado para sempre coma un proxecto de segunda clase”.
O alcalde lembra que no Pleno do Concello do pasado 29 de xaneiro presentou aos grupos políticos municipais a chamada “Declaración das Burgas” “coa proposta de actuar con voz única diante das administracións estatal e autonómica, en demanda do desbloqueo dos proxectos máis importantes da cidade que siguen pendentes de execución e acumulan retrasos que, ás veces, son xa crónicos”.
Ante esta situación, Agustín Fernández salienta que os axentes sociais e económicos “teñen un papel fundamental na reivindicación de trato xusto e equitativo á cidade”, polo que lles traslada a “Declaración das Burgas” solicitando o seu apoio, así como as súas suxerencias para acadar mellor o obxectivo da mesma”.
O alcalde subliña que o apoio das asociacións “é un paso moi importante, significativo e útil para que Ourense comece a falar cunha soa voz dos nosos proxectos comúns. Un paso, o primeiro paso para reivindicar social, empresarial e políticamente que ningún goberno nin administración pública poida seguir ignorando ou marxinando á nosa cidade”.
A carta foi remitida esta mañá a asociacións veciñais, empresariais e colexios profesionais e outros axentes económicos e sociais da cidade.











