O 78% das solicitudes recibidas na Oficina de Rehabilitación é para a instalación de ascensores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, presentou esta mañá o balance das solicitudes recibidas na Oficina de Rehabilitación dende o pasado 5 de xaneiro ao pasado 28 de febreiro, dentro do prazo fixado polo Concello para esta segunda convocatoria de axudas. En total, recibíronse peticións para executar obras en 3.735 vivendas, un 7,7% máis que en 2012, grazas sobre todo ás solicitudes para a instalación de ascensores (o 78% do total), así como para reformas de elementos comúns, de habitabilidade e para locais comerciais.

Fernández Prado destacou o éxito que por segundo ano consecutivo tivo a convocatoria de axudas á rehabilitación, un dos proxectos estrela do Concello e cos que se quere fomentar a recuperación dos inmobles e mellorar a calidade de vida dos veciños, con iniciativas que favorezan a mobilidade e a accesibilidade, sobre todo, entre as persoas maiores.

Durante os dous primeiros meses do ano, o Concello recibiu solicitudes para un total de 3.735 vivendas -é dicir, 268 máis que en 2012- a través dos 274 expedientes tramitados. Como aconteceu na primeira convocatoria, o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, destacou que case catro de cada cinco solicitudes (78%) corresponderon á instalación de ascensores. En concreto, neste capítulo presentáronse 205 expedientes para 2.916 pisos.

OBRAS

EXPEDIENTES

VIVENDAS

Ascensores e accesibilidade

205

2.916

Elementos comúns

61

811

Habitabilidade

6

6

Locais

2

2

TOTAL

274

3.735

Fernández Prado afirmou que os datos referendan de novo o acerto do Goberno municipal á hora de impulsar políticas de rehabilitación e, de xeito especial, as axudas á instalación de ascensores. “É unha mostra evidente de que o programa de axudas que abrimos recolle o sentir dos cidadáns, as súas demandas e necesidades, como os problemas de accesibilidade ás súas casas”, afirmou o tenente de alcalde, quen destacou que este ano existe unha partida de 1,4 millóns de euros para este tipo de subvencións -dos que 900.000 euros forman parte do Plan de Instalación de Ascensores, o que supón multiplicar por seis o investimento inicial de 2012-.

Ao igual que o ano pasado, cun investimento global que supera os 3 millóns de euros, o Concello volveu apostar pola rehabilitación nos presupostos municipais deste ano; ademais de continuar cos plans de reforma do Casco Histórico, ou Birloque, Mariñeiros, Sagrada Familia e o Grupo de Vivendas de Santa Cristina (Palavea), con 1,5 millóns.

A concesión de axudas á rehabilitación cumpre un segundo obxectivo do actual equipo de goberno: a reactivación de pequenas e medianas empresas vinculadas co sector da construción e a xeración de emprego. En 2012, o Concello coruñés concedeu 2,6 millóns de euros en subvencións, incluídos os 866.000 euros para áreas como O Birloque, Mariñeiros, Sagrada Familia e o Grupo de Vivendas de Santa Cristina.

Período de exposición pública do PEPRI

O Tenente de Alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas recordou, ademais, que o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Histórico e Peixaría está en período de exposición pública, á espera das propostas e suxestións dos cidadáns. Neste sentido, Fernández Prado avanzou que o Concello informará de cada un dos casos.

Fernández Prado subliñou, ademais, que, ao ser o conxunto histórico un Ben de Interese Cultural, os criterios de ordenación non só os fixa o Concello, senón que hai que contar coa Dirección Xeral de Patrimonio; e que o plan non achegará solucións xenéricas, senón un particular para cada edificio.

12 de marzo de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.