NORTRANS abordará a reforma da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+
Comité de Notrans

Comité de Notrans

De carácter bienal, NORTRANS, Salón do Transporte e a Loxística, regresa ao calendario feiral de Expourense para celebrar a que será xa á súa novena edición que se celebrará os días 28 e 29 de xuño de 2013. Sendo como é o transporte un sector moi dinámico que necesita de actualización constante para adaptarse ás novas normativas e ás demandas dunha sociedade cada vez máis esixente, a próxima edición de NORTRANS terá o obxectivo de impulsar e facilitar a busca de respostas, innovacións e alternativas para axudar ás empresas a superar os retos presentes e futuros. Este salón eríxese como no único certame destas características do norte de España e Portugal, permitindo dar a coñecer os últimos avances e servindo de foro de debate e actualización para os profesionais do sector.

Xornadas Técnicas de Transporte de Mercadorías e Viaxeiros

De forma paralela á superficie expositora, NORTRANS organiza as Xornadas Técnicas de Transporte de Mercadorías e Viaxeiros que contarán coa presenza de representantes da administración e de federacións e asociacións do sector, entre outros relatores, que analizarán a actualidade dende distintas ópticas. Un dos temas xa confirmados para analizar nestas xornadas é o proxecto de lei de reforma da Lei de Ordenación de Transportes Terrestres (L.O.T.T.) que persegue a mellora da competitividade e eficiencia das empresas do sector, do servizo público de transporte e das condicións de competencia no mercado. Participarán nesta sesión representantes da Xunta de Galicia e do Ministerio de Fomento.

Tamén se estudará o papel de Galicia como plataforma loxística e o transporte modal e intermodal como unha das saídas de futuro do sector, un tema prantexado polo Cluster da Loxística Mobilidade e Transporte de Galicia.

No referente a viaxeiros, abordaranse temas como a seguridade no transporte infantil e incrementarase a implicación do sector do taxi, un servizo que en Galicia ten unha incidencia espacial debido á dispersión xeográfica da poboación.

Estas xornadas contan cunha elevada participación entre as empresas relacionadas co transporte xa que as utilizan como foro de debate sobre a actualidade do sector.

Comité Asesor

Estas actividades que se van desenvolver na vindeira edición foron definidas polo comité asesor de NORTRANS que se reuníu en Expourense e que integra a todos os axentes socioeconómicos vencellados ó sector do transporte, públicos e privados, e relacionados tanto co de mercadorías como co de viaxeiros. Están representados neste Comité entidades coma a Dirección Xeral de Mobilidade integrada na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestuturas ou o Ente Público Portos de Galicia da Consellería de Mar, a Concellería de Transporte de Ourense, a Cámara de Comercio de Ourense, e tamén as principais asociacións profesionais de Galicia (ANETRA, FEGABUS, FEGATRAMER, TRANSGACAR, Asoc. Ourensá de Transporte de Viaxeiros en Autocar, APETAMCOR, ATVCO, AETRANS, ACOAG, FEGATRAVI e a Asociación Empresarial de Autotaxis e Autoturismo de Ourense), a Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor GANVAM, e empresas do sector privado vencelladas co transporte e a loxística. Tamén participa neste comité o Cluster da Loxística, Mobilidade e Transporte.

22 de marzo de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.