Normalización convoca aos alumnos inscritos no celga 3 para comezar as clases o 1 de abril
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza un curso preparatorio de lingua galega para a obtención do título correspondente ao nivel Celga 3. Os alumnos que se inscribiron para participar na actividade deberán presentarse o día 1 de abril, ás 18:30 horas no Auditorio Municipal para dar inicio á actividade que conta con 70 horas lectivas.
Como xa se comentara na convocatoria e no anuncio da apertura de prazos de inscrición neste novo curso, a asistencia é gratuíta, aínda que os alumnos que desexen obter o título homologado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberán abonar as taxas para poder realizar o exame final. Segundo o prazo establecido pola administración autonómica, o prazo para facer ese pago remata o día 8 de abril.
Os alumnos serán informados deste e doutros aspectos relativos ao curso polo profesor o día da presentación da actividade. Tamén será o profesor quen lles facilite os impresos para tramitar a matrícula para as probas de acceso. Na presentación os alumnos recibirán información sobre o temario a abordar durante o curso e sobre o sistema de celebración do exame final para obter o título, proba que se realizarán en Pontevedra ou Santiago entre os meses de maio e xuño.
Nesta primeira sesión tamén se concretará o horario definitivo para impartir as clases, en función das preferencias e dispoñibilidade dos alumnos, aínda que será en horario de tarde.











