Nigrán asina un convenio de colaboración con Babadiva para dinamizar o turismo

Sinatura do convenio
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, asinou hoxe un convenio de colaboración coa xerente de Babadiva Ambiental, María Teresa Ramos, que permitirá poñer en marcha novos paquetes turísticos na bisbarra, que se engloban baixo o nome de Marmiñor Rutas. A firma deste acordo, cunha duración mínima de cinco anos, compromete a administración local a prestar axuda na promoción e difusión deste proxecto, sen contrapartida económica para as arcas municipais.
O proxecto Marmiñor Rutas consiste na posta en marcha dun completo programa de actividades focalizadas cara ao turismo pesqueiro integral e sostible para locais e visitantes na bisbarra. Entre os seus obxectivos destacan a desestacionalización do turismo, cunha alternativa á tradicional oferta turística do municipio -o sol e as praias-, así como unha diversificación e dinamización económica do sector pesqueiro e doutros asociados, como a hostalaría, a restauración e o comercio, “todo iso coa concienciación e sensibilización ambiental e dos recursos naturais do municipio como fío condutor de todas as actividades”, explica o rexedor municipal.
Un novo atractivo turístico
Coa firma deste convenio, Nigrán suma á súa oferta turística un completo itinerario válido para calquera época do ano, que combinará actividades culturais con rutas de interese ambiental, así como diversas actividades gastronómicas ou deportivas, adaptados a diferentes perfís, mozos, familias, centros educativos, colectivos con necesidades especiais, etc.
“Valmiñor Rutas dá resposta ás necesidades dun novo perfil do turista en alza, o turista cultural, que busca programas alternativos á tradicional oferta dun municipio como o noso,” sinala Valverde.
A firma deste acordo ratifica unha vez máis que a dinamización e promoción da actividade turística como motor da economía local é prioritaria para o goberno local, e súmase a outras accións encamiñadas a alcanzar estes obxectivos, como a participación en feiras do sector ou a colaboración coas asociación de empresarios OVALMI para a promover a restauración local, entre outras.











