Negreira rexeita o peche de General Dynamics e insiste na viabilidade da Fábrica de Armas
O alcalde, Carlos Negreira, reiterou esta mañá que a decisión da multinacional General Dynamics e que supoñería o despedimento de 700 traballadores en España e dos cales 172 son da fábrica na Coruña: “É unha das peores decisións que oímos estas semanas”. Neste sentido volveu mostrar o seu rexeitamento total a esta decisión. “Non” podemos aceptar “esta situación. Esta empresa non se pode ir en 30 días, despois de 12 anos no noso país e os máis de 5.000 millóns de euros que investiu nela o Ministerio de Defensa. Tanto o Concello coma a Xunta de Galicia xa mostramos o noso rexeitamento total a esta decisión e seguimos premendo porque aínda hai posibilidades de que non se produza este peche”, explicou o alcalde e engadiu: “A Fábrica de Armas é unha industria con futuro. Na Coruña conta con boas instalacións, maquinaria e persoas preparadas tanto en defensa coma noutras actividades coas que se podería complementar a súa actividade. Seguiremos pelexando por manter a actividade industrial na cidade, así reflícteo o PGOM que se aproba agora e no que estes terreos se manteñen como chan industrial para que todos o teñan claro”.
Carlos Negreira tamén explicou que o Goberno municipal continúa traballando para recuperar o aeroporto de Alvedro. “Espero que nas próximas semanas empecen a dar os seus froitos os traballos dos últimos meses para o noso aeroporto e recuperar, por exemplo, a boa conectividade con Madrid. Alvedro é un aeroporto con moitas posibilidades grazas ao tecido produtivo da cidade e ao sector do turismo, de feito é a segunda cidade de Galicia que máis turistas ten e a primeira en canto a pernoctacións”.
“Buscamos compañeiros de viaxe con futuro para Alvedro. Compañeiros como Vueling que elixiu A Coruña como a súa sétima base a nivel nacional. Queremos máis compañías, niso estamos a traballar e esperamos que poidamos ter algunha boa noticia nas próximas semanas”, anunciou Negreira.
O alcalde tamén manifestou o bo camiño no que se encontran as negociacións para o traslado de Repsol ao Porto Exterior: “Este tema vai por bo camiño cun preacordo sobre a mesa no que se establecen uns prazos e uns fitos que hai que cumprir para este traslado. Esperamos que neste ano teñamos xa unha data firme para que se produza esta noticia coa que todos saímos gañando: empresa, Porto e, sobre todo, a cidade,” concluíu.











