Negreira preside a primeira reunión do Dispositivo Especial de San Juan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presidiu esta semana a primeira reunión do Dispositivo Especial de San Juan 2013, na que participan as áreas de Seguridade, Medio, Cultura e Turismo.

Un dos primeiros puntos tratados foi o da posta en marcha da nova Unidade Especializada en Rescates Marítimos que se estreará precisamente durante estas festas. Trátase dun dispositivo que dotará aos areais coruñeses de maior seguridade e que atallará accidentes de forma máis rápida. Ademais, a área responsable nesta materia tamén anunciou un novo proxecto: unha campaña informativa para a prevención de accidentes. Levarase a cabo dous meses antes de San Juan en centros educativos da cidade. En concreto, será o propio persoal encargado da seguridade da cidade, como bombeiros, policías locais ou Protección Civil, os que se encargarán de transmitir consellos de seguridade e prevención aos máis pequenos.

Pola súa banda, dende a Área de Medio xa estase programando o dispositivo de limpeza dos areais e inmediacións para que as praias estean en disposición de ser utilizadas ao día seguinte o máis pronto posible e nas mellores condicións de salubridade e seguridade.

Así mesmo estase a estudar a posta en marcha dunha experiencia piloto de repartición de madeira limpa co obxecto de reducir os riscos inherentes ao traslado e manipulación da leña, e as secuelas negativas que poden producirse pola combustión de materiais impropios dende o punto de vista ambiental, así como dos restos que quedan depositados no areal. Esta experiencia piloto tamén incluiría accións para incentivar que as persoas que esa noite gocen da festa na praia depositen o lixo xerado en sitios habilidados ao respecto.

Por outro lado, o Dispositivo Especial de San Juan xa ultima as actividades culturais e de ocio que non se cinguirán exclusivamente á noite do día 23. Este ano San Juan durará toda unha semana co obxectivo de que os visitantes queden na cidade e se sumen a esa tendencia de que todo aquel que vén, repite.

O Concello espera así non só que se manteña o número de visitantes de anteriores edicións senón que increméntese e ademais prolonguen a súa estanza durante toda a semana grazas ás tres premisas que se puxeron en marcha para unha das grandes festas da cidade: seguridade, limpeza e festa.

18 de marzo de 2013 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.