Negreira presenta os Xogos Autonómicos Special Olympics
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá os XVIII Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios, enmarcados dentro do proxecto Special Olympics e que se celebrarán o próximo sábado, 16 de marzo, no Pazo de Deportes de Riazor. Un total de 425 deportistas das catro provincias galegas e de Asturias participarán neste evento que ten como grande obxectivo favorecer a inserción social das persoas con minusvalidez intelectual a través da actividade deportiva, o ocio e o compañeirismo e a solidariedade entre os participantes.
“Estamos orgullos de recuperar os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios para A Coruña, que acolleu este evento entre 1995 e 2007. É o noso sinal de identidade, o noso compromiso de apostar por unha sociedade máis inclusiva na que todos teñamos as mesmas oportunidades. O sábado será un día para a solidariedade e para a superación”, sinalou o alcalde durante a presentación os xogos, celebrada no Pazo Municipal de María Pita.
Un total de 425 deportistas e 106 adestradores daranse cita o próximo sábado, entre as 10.45 e as 20.00 horas, no Pazo dos Deportes de Riazor, con participantes procedentes de 25 asociacións de Galicia e Asturias. Entre as entidades participantes encóntranse dous con sede na Coruña: Aspronaga (asociación colaboradora de Special Olympics Galicia na celebración destes xogos) e a Fundación Adcor (esta entidade acolleu o ano pasado os campamentos de verán).
Carlos Negreira tamén aproveitou para recalcar o elevado grao de implicación que ten este evento na cidade, como o demostra o feito de que se contará coa colaboración de 90 voluntarios que contribuirán a que a competición sexa todo un éxito de organización.
A xornada deportiva, aberta ao público e de entrada gratuíta, arrancará ás 10.45 horas coa actuación do coro de Aspronaga e o desfile de todos os deportistas que participarán nas diferentes modalidades: tenis de mesa, bádminton e petanca, así como a celebración de probas motoras (desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portaría, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico, desprazamento con diferentes apoios e birlos).
A Coruña é a primeira sede do programa de actividades deportivas preparado por Special Olympics Galicia para 2013 e que percorrerá outras cidades de Galicia, onde se disputarán as probas de atletismo, campo a través, maratón urbano, fútbol sala, natación e baloncesto. O Concello, xunto á Deputación de A Coruña, Aspronaga e Fademga, colabora na celebración dos XVIII Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios, que supoñen un paso máis na integración das persoas con minusvalidez intelectual.
MÁIS DE 165 PAÍSES
O movemento Special Olympics naceu en 1968 en Estados Unidos. É unha organización sen ánimo de lucro que conta co recoñecemento do Comité Olímpico Internacional (COI) e desenvolve programas en máis de 165 países de todo o mundo, favorecendo a práctica do deporte a máis dun millón de persoas.
Special Olympics Galicia constituíuse en novembro do ano 2000 coa finalidade principal de impulsar a inserción social das persoas con minusvalidez intelectual mediante a cultura, as actividades deportivas e o ocio. Ademais dos xogos autonómicos, Special Olympics Galicia desenvolve convivencias, encontros e xornadas de formación para técnicos e voluntarios. Na actualidade, oferta a súa programación a preto de 100 entidades galegas.











