Negreira e Pastor anuncian a conexión dos barrios do Birloque e Elviña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Negreira xunto a Ana Pastor

Negreira xunto a Ana Pastor

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado da ministra de Fomento, Ana Pastor, anunciou esta tarde a conexión dos barrios do Birloque e Elviña, a través das avenidas de Glasgow e Pablo Picasso, tal e como demandan os veciños. O Alcalde anunciou que “a conexión se vai facer cunha altura de entre os 1,6 e 1,7 metros de altura. Non é unha nova ponte, senón unha solución branda e eficaz que permita a conexión dos barrios”.

O proxecto de enlace, que inclúe todas as demandas dos veciños, modifica o proxecto de 2008 do anterior goberno socialista, que deixaba os dous barrios incomunicados. O Goberno local, tras varias reunións mantidas co Ministerio de Fomento, conseguiu que no proxecto anunciado esta tarde se recollan cada unha das peticións dos veciños e garanta a conectividade entre as dúas zonas.

O anuncio produciuse tras a presentación do proxecto de ampliación de Alfonso Molina. O Alcalde mostrou unha “inmensa satisfacción”, xa que supón “o inicio irreversible” da obra que levará consigo, ademais, “melloras nos distintos accesos, nos pasos peonís e os viais de servizo,”. O desenvolvemento dos traballos farase en coordinación cos traballos da Terceira Rolda. Para finalizar, o Alcalde destacou “a preocupación e a sensibilidade” que a ministra demostrou pola Coruña, tanto por terra, coma por mar e aire.

Outro dos asuntos abordados na reunión entre o Alcalde e a ministra foi o paso inferior do acceso ao Polígono de Vío; as melloras na Avenida da Universidade, que inclúen beirarrúas e carril bici; e tres modificacións na Avenida de Salgado Torres: eliminación do paso superior no Birloque, vial de saída dende a Avenida de Salgado Torres cara a Pablo Picaso, sen interferir no Colexio Salgado Torres e a praza de Casares Quiroga; e a construción da pasarela peonil sobre a Avenida de Salgado Torres, para acceder dende a rúa Branco White cara á igrexa de San Cristóbal dás Viñas.

Así mesmo, Carlos Negreira anunciou as obras do paso inferior no enlace de Novo Mesoiro e a continuación do vial de conexión. O Alcalde avanzou, ademais, unha serie de melloras na Terceira Rolda, por un importe de máis de 4 millóns de euros, co obxectivo de “concluíla o antes posible” e que supoñerá unha modificación substancial da vía e a súa humanización.

22 de marzo de 2013 | 20:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.