Negreira destaca que os cidadáns valoran a educación e a colaboración como estratexias de futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Negreira na presentación dos resultados

Negreira tras a presentación dos resultados

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, xunto co presidente da Fundación Metrópole, Alfonso Vegara, presentou esta mañá aos concelleiros da Corporación municipal e aos asinantes do Protocolo de colaboración Coruña Futura (Goberno central, Porto da Coruña, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Consorcio Das mariñas) os resultados do proceso de participación do proxecto, que inclúe o Foro Coruña Ciudad no que participaron 188 persoas, e os encontros sectoriais: “O Foro, en concreto, permitiunos saber como perciben os cidadáns e institucións a nosa cidade e a área a través da análise de máis de 72.000 respostas”, sinalou o alcalde.

Tal e como explicou o rexedor, os resultados do Foro Coruña Ciudad son unha parte do diagnóstico e do proxecto Coruña Futura. Un proxecto que arrancou o pasado mes de maio coa firma do protocolo de colaboración co resto de administracións e que dende a súa adxudicación e a súa posta en marcha en outubro de 2012, celebrou o Foro Cidade e un total de sete encontros sectoriais con profesionais, empresarios, expertos e directivos que deron a súa visión da cidade e achegaron claves específicas dos sectores económicos, culturais e sociais coruñeses.

Negreira sinalou que, durante estes últimos meses nos que está en marcha a fase de diagnóstico, ademais de analizar os resultados das experiencias nas que se contou coa participación dos representantes da cidade, se elaborou un estudo científico técnico: “Os resultados definitivos do diagnóstico coas primeiras liñas estratéxicas presentarémolos neste segundo trimestre do ano”, avanzou e continuou: “O obxectivo é definir en torno a media ducia de proxectos urbanos estratéxicos que poidamos comezar a abordar a finais de 2013”.

Carlos Negreira explicou que Coruña Ciudad é un proxecto de todos e para todos, “un proxecto inclusivo nunha cidade inclusiva”, que conta tanto coa participación dos cidadáns a través do Foro e os encontros sectoriais; como dos mellores especialistas e profesionais no campo da innovación en cidades: a Fundación Metrópole.

FORO CIDADE

Pola súa banda, o presidente da Fundación Metrópole, Alfonso Vegara, presentou os resultados do Foro cidade (que se poden consultar na páxina web www.coruna-futura.es), no que os participantes, a través dun cuestionario, valoraron temas relativos ao municipio como o medio físico, a estrutura urbana, os equipamentos, a sociedade, a economía ou o goberno do territorio.

A través da análise dos resultados identificáronse os compoñentes de excelencia e as prioridades de futuro para A Coruña e o seu ámbito, así como os principais déficits.

– Compoñentes de excelencia. Elementos ambientais, actividades económicas como a industria da moda e téxtil, servizos relacionados coa saúde e equipamentos de ocio e culturais.

– Prioridades de futuro. Englóbanse en tres grupos principais: o sistema educativo, o fortalecemento do sistema sanitario e un proxecto de futuro para o conxunto da área metropolitana e de Galicia.

– Déficits críticos. Encóntranse aspectos de mobilidade e conectividade; a necesidade de definir un proxecto para o conxunto da área metropolitana e Galicia; ou o acceso á vivenda.

COMPOÑENTES DE EXCELENCIA

Tras a exposición de Vegara, o alcalde coruñés mostrou a súa satisfacción polo traballo realizado e destacou que dos resultados obtidos xa se poden extraer as primeiras conclusións: “Os cidadáns estannos a pedir unha estratexia urbana dende a perspectiva da área metropolitana; dotar a cidade de cohesión social e equilibrio entre os diferentes barrios; así como poñer atención a sectores tan importantes como a educación e a saúde. Tamén fan propostas como un cluster de solucións urbanas e economía verde ou de contidos e tecnoloxías dixitais”, resumiu Negreira.

O alcalde enumerou os compoñentes de excelencia resultantes do Foro Cidade:

– Torre de Hércules e patrimonio arquitectónico.

– Elementos ambientais e singularidade da localización.

– Porto Exterior e instalacións náuticas.

– Industria da moda.

– Museos e oferta cultural.

– Servizos de saúde.

– Oferta comercial.

– Calidade de vida urbana.

Carlos Negreira subliñou que A Coruña xa está a traballar en sintonía con moitas das demandas que os cidadáns expresaron a través deste foro: “Puxemos en marcha o PMUS para mellorar a mobilidade; o proxecto Smart Coruña aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías para facilitar a vida aos cidadáns e desenvolver este sector como unha nova fonte de actividade económica; ademais de plans e programas específicos para coidar o noso patrimonio como o plan de murallas ou o proxecto de recuperación de depósitos arqueolóxicos”.

O alcalde insistiu na importancia de desenvolver un proxecto como Coruña Futura: “Neste século XXI haberá cidades con proxecto e outras que non. A Coruña quere ter futuro e proxecto. Nun momento difícil Coruña Futura é a ambición dunha cidade e unha área urbana que se nega a que lle digan que non pode soñar.

A Coruña ten dereito a soñar e a traballar para posicionarse e ser das primeiras en remontar a crise”, asegurou e continuou: Non nos imos pregar. Grazas a Coruña Futura estaremos mellor preparados e posicionados que outras cidades, o que posibilitará que sexamos futuros perceptores deses 21.000 millóns de oportunidades que supoñen os fondos estruturais da Unión Europea 2014-2020. Unha liña de traballo que podemos compasar cun bo posicionamento internacional”. Carlos Negreira destacou a importancia de que A Coruña e a súa área conte cun modelo propio que camiñe con todos os municipios do ámbito para atraer actividade económica; xerar emprego e ofrecer calidade de vida aos seus habitantes.

25 de marzo de 2013 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.