Negreira destaca que a chegada de Air Europa é o mellor revulsivo para o turismo da Coruña
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, valorou esta mañá a chegada de Air Europa a Alvedro que mellora substancialmente a conectividade da Coruña e a súa área metropolitana. A compañía, que empezará a operar o 3 de xuño, dará posibilidade de enlazar cos máis de 1.000 destinos nacionais, internacionais e intercontinentais, grazas ao liderado que Globalia exerce dentro da alianza Skyteam a través desta compañía.
“Despois de varios meses con moitas dificultades -ERE de Iberia, peche de Spanair ou saída de easyJet de Madrid-, o traballo empezou a dar os seus froitos. Conseguimos acordos con catro compañías que esperamos que se convertan en socios de futuro de Alvedro”, manifestou o alcalde e engadiu: “Esta volve ser unha fantástica noticia en tres aspectos fundamentais: asegura o emprego en Alvedro, vaise xerar ademais novos postos de traballo, en concreto uns cen empregos; e mantense a actividade do noso aeroporto, o que supón negocio e nos permite tocar ademais unha materia pendente: o turismo”.
En concreto, o alcalde destacou a importancia de Globalia como unha das plataformas máis importantes para a promoción da Coruña grazas á súa estrutura nacional e internacional, un hólding de empresas onde, ademais de Air Europa, están as axencias de viaxes Halcón Viaxes e Viaxes Ecuador; a rede de toruoperadores Travelplan, Touring Club, Iberrail e Latitudes; e a cadea de hoteis Be Live.
“Esta nova compañía exercerá como porta de entrada de turistas que xerarán novas economías na cidade. O convenio implica unha importante operación comercial xa que o grupo dispón de máis de 1.000 axencias minoristas e unha grande estrutura almacenista que traballará na promoción turística e empresarial da Coruña e que nos conectan cos destinos máis importantes”, explicou Negreira, que destacou que o obxectivo do convenio é desenvolver accións de promoción para reforzar a imaxe da cidade e mellorar así o seu atractivo como destino turístico: “O grupo ten presenza por toda España o que nos vai permitir que A Coruña sexa máis coñecida como destino turístico. Este é o punto no que agora estamos a centrar os nosos esforzos, fronte aos que están a traballar noutras direccións e desexan que Alvedro non se recupere”.
Ampliación Alfonso Molina
O alcalde tamén valorou o anuncio no BOE que implica a ampliación da avenida de Alfonso Molina. “Levan moitos anos, máis de dez, anunciándonos que se ía realizar esta ampliación; pero este proxecto fíxose realidade neste último ano e medio coa colaboración do Ministerio de Fomento. Neste sentido, quero agradecer a súa implicación coa cidade, de feito, case o 11% de todo o diñeiro que se destina a estradas en España se inviste na Coruña, o que demostra que se trata dunha prioridade absoluta para a ministra Ana Pastor. Tamén lle chegou a súa quenda á Terceira Rolda e agora a Alfonso Molina, que é unha demanda de moitos anos e que solucionará un dos grandes problemas desta cidade: o tráfico”, destacou e explicou o proxecto de ampliación que se desenvolverá coordinadamente cos traballos da Terceira Rolda e que mellorarán os accesos: “Ampliarase un carril en cada sentido e ademais terase en conta unha vella demanda veciñal e construirase unha pasarela peonil entre Palavea e Pedralonga. Agora ábrese o proxecto de exposición pública durante dous meses, a partir de aí haberá un mes de prazo para contestar as alegacións para finalmente encargar o proxecto construtivo a final de ano e poder empezar as obras no primeiro trimestre de 2014”, concluíu.
Carlos Negreira tamén valorou o balance feito público pola Autoridade Portuaria: “Son moi boas noticias que significan máis empregos, ademais de mellores perspectivas para a cidade. Conseguimos máis cruceristas que nunca, multiplicáronse por tres respecto a tres anos atrás, e as previsións para este ano son inmellorables. Este dato ademais consolídanos como referente do noroeste español. Pasamos de nada a todo. O noso porto é moi importante xa que xera movemento e actividade económica”, concluíu.











