Negreira destaca a “firma vontade” de poñer en marcha a estación depuradora de Bens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Reunión dos rexedores

Reunión dos rexedores

O alcalde, Carlos Negreira, destacou esta mañá que os concellos de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros comparten coa Coruña o obxectivo de “pechar o ciclo integral da auga” e de “camiñar na mesma dirección” e coa “firme vontade” de integrarse na sociedade mercantil EDAR BENS -que se encargará da xestión da nova estación depuradora- e de aprobar unha ordenanza común de verteduras.

“Todos os concellos estamos na mesma dirección e seguimos coa mesma vontade, comprometidos coa posta en funcionamento da EDAR de Bens”, afirmou o alcalde tras reunirse no Pazo Municipal de María Pita cos alcaldes de Oleiros, Cambre e Culleredo -Anxo García Seoane, Manuel Rivas e Julio Sacristán, respectivamente- e cun técnico de Arteixo en representación do seu rexedor, Carlos Calvelo; co concelleiro de Medio da Coruña, Enrique Salvador; e o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira.

Negreira defendeu, tras esta reunión de traballo que convocou en María Pita, que existe “unanimidade” por parte dos cinco concellos e unha “firme vontade” de integrarse na sociedade mercantil EDAR BENS, que se encargará da xestión mancomunada da nova depuradora. Neste sentido, explicou que os representantes locais acordaron ratificar este acordo en próximos plenos (en marzo e abril), así como a aprobación da ordenanza supramunicipal de verteduras que garanta o funcionamento da instalación. O alcalde destacou que esta reunión permitiu avanzar no compromiso de “mellorar a calidade ambiental e pechar o ciclo integral da auga”. Esta sociedade mercantil encargarase de todo o proceso de depuración, o que á súa vez permitirá optimizar os recursos e alcanzar mellores resultados.

Temos que ser conscientes de que se tiraron ao mar millóns de litros de auga sen depurar. Non podemos permitir que esta situación se repita, non é sostible nin razoable dende o punto de vista ambiental”, afirmou o alcalde da Coruña. Neste sentido, Negreira explicou que se está rematando as probas técnicas na depuradora, o que permitirá lograr o obxectivo do “vertido cero”.

A EDAR de Bens é unha infraestrutura que converte á bisbarra en referente ambiental e que ten como obxecto mellorar a calidade de vida e a prestación dos servizos que se ofrecen aos cidadáns. Trátase dun proxecto fundamental para garantir a sostibilidade ambiental da cidade e a bisbarra. Custou case 130 millóns -financiados nun 85% pola Unión Europea, a través dos Fondos de Cohesión, e o 15% restante pola Xunta-, cunha superficie construída que supera os 60.000 metros cadrados. A depuradora está preparada para o tratamento das augas residuais de 450.000 habitantes, aínda que se pode aumentar a súa capacidade e dar servizo a 600.000 persoas.

5 de marzo de 2013 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.