Negreira asina o contrato para elaborar o primeiro Plan de Mobilidade sostible da cidade

Sinatura do contrato
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá o contrato para a realización do primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade (PMUS) con Vicente Alcón, representante da UTE formada polas empresas EPTISA e INECO encargada de desenvolver este proxecto. No acto tamén participaron Ignacio Cantarell, director xeral de EPTISA, José Oña, director de desenvolvemento de negocio de INECO e Ignacio Gálvez, Xerente de proxecto de INECO. O equipo encargarase da redacción do PMUS, da definición da estratexia de mobilidade para os próximos dez anos, así como do seu desenvolvemento a través da Oficina Tecnolóxica e Operativa de Mobilidade.
“Hoxe é un día importante. Iníciase a conta atrás para que por primeira vez A Coruña conte cun Plan de Mobilidade. En nove meses nacerá este documento estratéxico, 111 anos despois de que se matriculase o primeiro coche na cidade. Faino grazas á colaboración de todos: administracións públicas, área metropolitana, veciños, empresas e representantes dos distintos sectores da cidade e todos aqueles que queiran participar neste proxecto”.
Carlos Negreira explicou a folla de ruta do proceso de elaboración do PMUS:
1. Análise e diagnóstico da situación: 2 meses.
2. Definición de obxectivos: 3 meses.
3. Deseño de solucións e proxectos: 2 meses.
4. Análise e seguimento de solucións implantadas: 2 meses.
Ademais, o deseño do Plan comprende a elaboración dunha estratexia de participación e un plan de difusión:
– Estratexia de participación: o Plan debe garantir o cumprimento do establecido na Lei de Economía Sostible en materia de participación cidadá durante a súa formulación, polo que deberá incluír unha estratexia de participación que articule os mecanismos de participación no seguimento e avaliación do Plan. Este documento entregarase no prazo máximo de 30 días dende a firma do contrato.
– Plan de Difusión: definirá as medidas de difusión necesarias dos obxectivos do Plan, principalmente, daqueles que vaian encamiñados á eficiencia enerxética e á seguridade vial. Entre elas, pódense contemplar reunións de traballo e discusión; exposicións públicas, talleres, conferencias ou charlas; programas de divulgación, xornadas en centros docentes, asociacións, centros cívicos ou organizacións empresariais.
O Plan de Mobilidade Urbana Sostible engloba un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles dentro dunha cidade, “modos de transporte que fagan compatibles o crecemento económico, a cohesión social e a defensa do medio para garantir unha mellor calidade de vida para os cidadáns”, explicou o alcalde e especificou: “Os beneficios deste Plan concretaranse na diminución de atoamentos, conxestión, ruído, contaminación atmosférica ou accidentes; diminución do consumo de enerxías non renovables, promovendo o uso doutras alternativas máis limpas; redución do tempo das viaxes; mellora dos servizos de transporte público; mellora das condicións de accesibilidade; ou a mellora da calidade do medioambiente urbano. Grazas ao PMUS, A Coruña contará cunha auténtica estratexia de mobilidade que servirá para priorizar investimentos, mellorar e fomentar o transporte público, fomentar o aforro de enerxía e o coidado do medio”.
O alcalde explicou que o PMUS e a Oficina tecnolóxica e de xestión da mobilidade se aliñarán co desenvolvemento estratéxico que necesita a cidade. O PMUS é un documento estratéxico que xunto a Smart City, o PGOM e Coruña Futura conformarán a folla de ruta que marque o futuro desta cidade. Estes proxectos serán as pezas fundamentais que van permitir posicionar á nosa cidade como o referente do noroeste español e dentro das cidades máis atractivas para vivir, para traballar e para atraer novos investimentos que xeren riqueza e emprego” explicou.
Infraestruturas clave da cidade
“Falamos de mobilidade un día despois de coñecer a importancia de pasar da palabra o papel coa publicación no BOE da ampliación de Alfonso Molina, grazas ao esforzo deste Goberno municipal e ao compromiso da ministra de Fomento. Anteriores gobernos non moveron nin un só papel. Esta é a mellor proba do compromiso da Ministra coa cidade. E así seguiremos: avanzando en obras estratéxicas e priorizando as obras importantes da cidade”, destacou.
Neste sentido, o alcalde recordou que no pasado mes de xullo subscribiu un protocolo de colaboración coa Delegación do goberno, a Xunta de Galicia, a Deputación, o Consorcio Das mariñas e a Autoridade Portuaria xa que “a implicación de todas as administracións é vital porque a nosa cidade necesita contar cun plan global que conte coa colaboración de todas as administracións, coa área metropolitana e que poña as novas tecnoloxías ao servizo dos cidadáns como eixe da sostibilidade e a eficiencia. A mobilidade é un elemento dinamizador da economía, o comercio e a empresa e, polo tanto, concírnenos a todos”, destacou.
A elaboración do PMUS e a posta en marcha da Oficina Tecnolóxica e Operativa de Mobilidade, que estará en funcionamento durante vinte meses, dous máis da proposta de licitación, ten un custo de adxudicación de 492.250 euros, o que supón un aforro do 10,50% sobre o prezo de licitación. “Isto é un investimento estratéxico que axudará a aforrar diñeiro a cidadáns e de feito posibilítanos que cobremos a subvención para transporte público do Ministerio de Fomento”, concluíu.











