A Unidade Especializada en Rescates Marítimos estará operativa despois do verán

Negreira no parque de bombeiros
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o parque de bombeiros da Grela con motivo dos actos de celebración do patrón do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), San Juan de Dios, e coa posta en funcionamento do novo centro de coordinación e control, que permite que as comunicacións pasen de analóxicas a dixitais. O rexedor aproveitou para anunciar que, despois do verán, estará plenamente operativa a Unidade Especializada en Rescates Marítimos.
“As intervencións do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento reducíronse nos dous últimos anos nun 12%. Por este motivo é tan importante o labor de prevención, con actividades como as visitas diarias de dous grupos de escolares ao parque de bombeiros”, afirmou o alcalde, quen destacou a posta en marcha de novas técnicas e procedementos operativos.
Neste sentido, Negreira anunciou que a Unidade Especializa en Rescates Marítimos -intervirá sobre todo en accións de terra a mar- se estreará durante as festas de San Juan, aínda que o obxectivo é que estea a pleno rendemento despois do verán. “Trátase dun novo dispositivo que permitirá atallar accidentes de forma máis rápida e próxima, dando maior seguridade. É un proxecto coordinado e consensuado con outras administracións, non se trata de suplir outros servizos, senón de especializarnos, explicou o alcalde.
Negreira defendeu a aposta municipal por desenvolver políticas que contribúen a mellorar a seguridade cidadá e pola adquisición de material técnico que permita ao servizo de Extinción de Incendios e Salvamento un mellor desenvolvemento de traballo. “A seguridade é investir. O novo centro de coordinación e control completarase co novo inmoble para albergar vehículos e que estará máis preto da saída do parque, o que permitirá mellorar os tempos de resposta,” destacou o alcalde. Entre ambos os dous proxectos, o investimento municipal alcanza o millón de euros, unha cantidade á que, tal e como recordou Negreira, se suma outro millón de euros para mellorar a rede de hidrantes, comprar un novo vehículo e dotalo do material preciso para traballar en emerxencias con mercadorías perigosas.
“O Concello quere estar preto do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. Sabemos que temos un bo equipo humano e que conta con instalacións e medios adecuados para ter unha cidade máis segura”, subliñou o alcalde, quen agradeceu o servizo á cidade que durante tantos anos realizaron os efectivos do SEIS que se xubilaron nos últimos meses.











