Neda xestiona con Patrimonio os trámites para habilitar no Empedrón a escola infantil
O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, reuniuse a semana pasada co conselleiro de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, para plantearlle unha serie de demandas do Concello vinculadas ao departamento que dirixe. O encontro celebrouse en Santiago e, no transcurso do mesmo, o responsable autonómico mostrou a súa total predisposición para dar unha resposta positiva ás demandas nedenses.
Así, en primeiro lugar, o alcalde solicitoulle a desafectación ou o correspondente permiso para executar na antiga escola ubicada no Empedrón as melloras propostas pola Consellería de Benestar para autorizar a futura ubicación dunha escola infantil no inmoble. Un permiso necesario ao tratarse dun inmoble catalogado e, por tanto, cunha protección especial. As obras necesarias serían a instalación dunha escaleira contraincendios e un ascensor. Cabe recordar que existe interese da iniciativa privada por habilitar no lugar unha escola infantil e que, a in-tención do Concello, sería ceder o uso do edificio para tal fin a cambio de que a firma adxudicataria costease as obras e cedese entre 12 e 15 prazas gratuitamente para nenos e nenas nedenses de 0 a 3 anos. O conselleiro avanzoulle ao rexedor que o departamento autonómico notificará nas próximas datas ao Concello a autorización correspondente, paso previo para que a Administración local saque a licitación o servizo. Opta pola vía da autorización para acelerar o proceso e non dilatar máis os prazos.
Así mesmo, e a instancias do alcalde, Jesús Vázquez tamén se comprometeu a retirar os contadores eléctricos que Fenosa mantén na Torre do Reloxio e que constitúen un elemento de feísmo co que quere rematar o rexedor. A actuación sobre unha infraestructura do século XVII levarase a cabo este mesmo ano e, para o próximo exercicio, o conselleiro asegurou que atendería outra das peticións do Concello en relación á Torre: executar os traballos de acondicionamento da oficina municipal instalada na planta baixa.
O patrimonio arquitectónico da real vila tamén ocupou tempo da xuntanza que mantiveron conselleiro e alcalde.
Nesta liña, Jesús Vázquez comprometeuse a estudar unha solución para as casas ubicadas na Avenida de Xuvia, catalogadas pero en estado prácticamente ruinoso. Así, técnicos de Patrimonio e do propio Concello analizarán a súa situación e o novo escenario que abre o futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal. Tamén a estudo se someterá a situación dun edificio, igualmente protexido pola súa singular arquitectura, ubicado nunha finca de extraordinarias dimensións fronte á Igrexa de Santa María. O desexo dos propietarios pasaría pola súa recuperación, aínda que para poder afrontala plantean a venda de parte do terreo sobre o que se ubica. Cuestión que Patrimonio debe autorizar agora.











