Neda recibiu a visita dun grupo de 70 peregrinos procedentes de Portugal

Peregrinos portugueses
A real vila de Neda recibiu no día de onte a visita dun grupo de setenta peregrinos procedentes de Vila Verde, unha localidade situada a 11 quilómetros ao norte de Braga. Todos eles, estudantes e equipo docente da Escola de Secundaria da vila lusa, iniciaban o Camiño Inglés na cidade de Ferrol e, como primeira parada, optaban por Neda, en cuxo Albergue pasaron a noite. Un Camiño que pretenden cubrir en cinco días e que realizan a modo de excursión de fin de curso. De feito, a peregrinaxe é xa unha tradición no centro educativo, xa que é o quinto ano que programan a viaxe aínda que optando por diferentes rutas.











