Neda programa unha nova sesión do “Club de Lectura” para adultos
O Concello de Neda anunciou a celebración dunha nova sesión do “Club de Lectura” este mércores, 20 de marzo. Unha actividade dirixida ao público adulto –maiores de 14 anos-, que se reúne unha vez ao mes. Segundo explicou a concelleira de Cultura e Educación, Eva Olmo, a xuntanza en torno ao libro comezará ás 19 horas, na Biblioteca Municipal. Cada participante recibe un exemplar do libro que se lerá ese mes. Nesta sesión, “O principiño”, de Saint-Exupery. Concédese un prazo de 30 días e, na seguinte reunión, debátese sobre este texto. Ao final da xornada, entrégase o seguinte para o debate do mes vindeiro. Búscase a elección de libros ao alcance de todas as persoas, pero dentro dunha calidade literaria que xustifique a discusión sobre a obra.
¿Obxetivos da experiencia? Eva Olmo explica: achegar máis xente á lectura, ofrecer unha actividade de ocio con calidade para os que xa son lectores, propiciar o contacto social e cultural da poboación e formar e informar sobre literatura.
Por último, sinalar que as persoas interesadas en participar aínda poden formalizar a súa inscripción na biblioteca, de luns a venres, de 9 a 13 e de 17 a 20 horas. A actividade está aberta incluso a veciños e veciñas que non sexan do municipio, aínda que dando prioridade ás persoas empadroadas en Neda.











