Neda invita á veciñanza a unha sesión de vídeo-fórum con motivo do Día da Muller
O Concello de Neda conmemorará mañá o Día Internacional da Muller Traballadora cunha sesión de vídeo-fórum na Casa da Cultura. Unha actividade aberta á participación veciñal que incluirá a proxección do filme “La fuente de las mujeres” e un coloquio posterior a cargo da doutora en Antropoloxía Social e consultora en Xénero e Cooperación para o Desenvolvemento, Roxana Volio. Con entrada libre e gratuíta, comezará ás 17,30 horas.
“La fuente de las mujeres” é unha película francesa de 2011 dirixida polo director francés de orixe rumano Radu Mihăileanu protagonizada por Leïla Bekhti e Hafsia Herzi. Situada nunha aldea remota nalgún lugar do Norte de África, narra a historia das mulleres da aldea, que se embarcan nunha folga de sexo para conseguir que se canalice auga corrente ata o pobo, en lugar de ter que levala elas dende o río en pesados baldes. Esta película ofrece a Occidente unha visión estremecedora do valor da dignidade feminina e reflicte o papel dalgúns homes acompañando a loita das mulleres.
Así mesmo, esta película serve de base para a posterior charla coloquio a cargo de Roxana Volio, na que se analizará a situación das mulleres en sociedades onde teñen menos valor que nas cul-turas occidentais e farase unha reflexión da situación da muller na sociedade española nos últimos 50 anos.
Roxana Volio é unha consultora autónoma en Xénero e Cooperación para o Desenvolvemento. Doutorada en Antropoloxía Social (UAM). Máster en Administración de Empresas. Máster en Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Humanas en Terapia de Reencontro (UAH). Ten traballado en organizacións indíxenas, PNUD, UNIFEM, ONU Mulleres, organismos públicos autonómicos do Estado Español e embaixadas de varios países.
Por último, o Concello anima á cidadanía a participar na programación prevista polo departamento municipal de Igualdade.











