Neda conmemora o Día da Muller cunha proxección cinematográfica e un coloquio
O Concello de Neda conmemorará o Día Internacional da Muller Traballadora coa proxección do filme “La fuente de las mujeres” e un coloquio posterior a cargo da doutora en Antropoloxía Social e consultora en Xénero e Cooperación para o Desenvolvemento, Roxana Volio. Segundo explicou a concelleira de Igualdade e Cultura, Eva Olmo, a programación prevista pola Administración local celebrarase o 13 de marzo, uns días despois da efeméride. A Casa da Cultura é o lugar elixido para desenvolver a xornada, que dará comezo ás cinco e media da tarde con entrada libre e gratuíta.
“La fuente de las mujeres” é unha película francesa de 2011 dirixida polo director francés de orixe rumano Radu Mihăileanu protagonizada por Leïla Bekhti e Hafsia Herzi. Situada nunha aldea re-mota nalgún lugar do Norte de África, narra a historia das mulleres da aldea, que se embarcan nunha folga de sexo para conseguir que se canalice auga corrente ata o pobo, en lugar de ter que levala elas dende o río en pesados baldes.
Esta película ofrece a Occidente unha visión estremecedora do valor da dignidade feminina e reflicte o papel dalgúns homes acompañando a loita das mulleres.
Así mesmo, esta película serve de base para a posterior charla coloquio a cargo de Roxana Volio, na que se analizará a situación das mulleres en sociedades onde teñen menos valor que nas culturas occidentais e farase unha reflexión da situación da muller na sociedade española nos últi-mos 50 anos.
Roxana Volio é unha consultora autónoma en Xénero e Cooperación para o Desenvolvemento. Doutorada en Antropoloxía Social (UAM). Máster en Administración de Empresas. Máster en Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Humanas en Terapia de Reencontro (UAH). Ten traballado en organizacións indíxenas, PNUD, UNIFEM, ONU Mulleres, organismos públicos autonómicos do Estado Español e embaixadas de varios países.
Por último, o Concello anima á cidadanía a participar na programación prevista polo departamento municipal de Igualdade.











