Mourelo recibe en María Pita 18 alumnos alemáns que participan nun intercambio escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, recibiu esta tarde, no Salón de Plenos do Pazo Municipal de María Pita, a 18 alumnas e alumnos, acompañados de dous profesores alemáns do Willstaetter Gymnasium de Núremberg.

Todos os estudantes teñen 16 anos e cursan o equivalente a 4º diso. Están na Coruña dende o pasado 11 de marzo, grazas a un intercambio escolar co Instituto de Educación Secundaria (IES) Rafael Dieste, dentro do programa educativo municipal Coruña Educa.

Durante os 10 días que dura o intercambio, os alumnos asisten a clase no instituto coruñés e participan en visitas guiadas pola cidade e a área metropolitana e por Galicia: Casa Picasso, mercados municipais, Torre de Hércules, Casa dos Peixes, Cidade Medieval, Academia Galega, Museo de Belas Artes, Castro de Sada e Betanzos, un percorrido en barco pola ría do Grove e, finalmente, Santiago de Compostela. Esta apertada axenda de actividades tivo esta tarde o seu peche institucional coa recepción e a visita guiada por diferentes dependencias do Concello.

Dende o 10 ao 19 de abril, 18 alumnas e alumnos e dúas profesoras do IES Rafael Dieste visitarán Núremberg e aloxaranse con familias alemás, devolvendo así a visita cun programa moi similar: asistirán a clase no instituto alemán e visitarán o Centro de Documentación, o Museo de Arte Contemporánea, o Museo da Industria de Núremberg e a fábrica Faber-Castel. Finalmente, desprazaranse ás cidades de Múnic e Würzburg.

Este programa de intercambios escolares e docentes intégrase no programa educativo municipal Coruña non mundo, no que a Concellaría de Educación promove e facilita os intercambios entre colexios coruñeses e doutros países e comunidades autónomas, acordando cos responsables do programa, entre outras actividades, a recepción e visita guiada polo Concello, rutas e itinerarios dentro do programa Coruña de aventura, así como outras visitas culturais e artísticas.

18 de marzo de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.