Mourelo presenta a imaxe de Coruña42, sede do Campionato de España de Maratón

Mourelo na presentación
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta tarde a imaxe do II Maratón Atlántico Coruña42 e que se celebrará o próximo 21 de abril, acompañado por Luis de Carlos, director xeral da RFEA; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Pedro Nimo, atleta galego aspirante ao Campionato de España; e Pati Blanco, director de Relacións Externas Del corte Inglés. “A imaxe de marca do Maratón segue as pautas marcadas para as 3 grandes carreiras coruñesas, partindo da ceeñe, marca da cidade e dos quilómetros do percorrido”, explicou e engadiu: “Os obxectivos desta campaña son empezar a perfilar este Maratón como un evento único no Norte de España e Portugal, convertelo nun día de celebración para todo o mundo e contribuír a facer crecer a marca Coruña”.
Así, A Coruña converterase en “unha grande instalación deportiva” para dar cabida a este grande evento que se celebrará conxuntamente ao LXXXVI Campionato de España Absoluto e de Veteranos desta distancia do que sairán os atletas seleccionados para o Mundial de Atletismo que se celebrará en Moscú; e á carreira popular de dez quilómetros Coruña10 que sairá media hora máis tarde. “En definitiva, a cidade xa se está a preparar para que todos os participantes se sintan como na casa”, destacou o concelleiro.
Neste sentido, Mourelo explicou o despregamento de medios que ofrecerá o evento aos corredores entre os que destaca a bolsa do corredor, que poderán recoller entre o venres 19 e o sábado 20 de abril; servizo de gardarroupa; señalética da carreira; lebres; avituallamento, instalándose tres postos fixos por volta; colectores, servizos e duchas; medallas e diplomas; servizos de podoloxía e fisioterapia; e outro tipo de materiais como o vídeo de chegada a meta e outros datos de interese grazas ao código QR no número de cada participante.
O percorrido consta de tres voltas de 14.065 metros cada unha, situadas no casco histórico da cidade. A saída estará situada na Avenida de Montoto na súa confluencia coa rúa Fama e a meta na praza de María Pita. No percorrido cruzará o Obelisco, Paseo Marítimo, praza de Portugal, praza de Pontevedra, Juana de Vega, Liñares Rivas, A Palloza e Porto de Oza para regresar pola avenida da Mariña ata Porta Real para chegar á meta na María Pita. En total, trátase dun circuíto de 42.195 metros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O circuíto estará completamente pechado ao tráfico e acoutado por valos e outros elementos delimitadores.
Mourelo recordou a importancia desta proba xa que ten o seu circuíto homologado. O prazo de inscrición finaliza o 16 de abril e de momento xa se inscribiron máis de 500 persoas. “Esperamos superar as cifras do ano pasado cando participaron máis de 1.200 corredores. Queremos implicar a toda a cidadanía porque a súa opinión é a que conta. De feito, realizamos unha enquisa de satisfacción aos participantes da Media Maratón Coruña21 celebrada en febreiro para aplicar as conclusións extraidas da enquisa. Nela avaliáronse aspectos relativos ao circuíto en canto ao seu trazado, señalética en circuíto e servizos e o referente a seguridade. A conclusión é que case o 97% dos enquisados afirma que volvería participar algo que nos dá forzas para seguir traballando”, destacou o concelleiro quen animou a toda a cidadanía a participar nesta proba, “correndo o Maratón, correndo a Carreira Popular, animando os atletas e gozando do amplo programa de actividades ou como voluntarios. Unha cidade que vive o deporte é unha cidade unida, moderna e sa e que, ademais, demostra a súa capacidade para albergar calquera evento”. Así, o concelleiro explicou que a colaboración do voluntariado nesta proba, permitirá participar e contribuír á seguridade dos atletas. O servizo de voluntariado dividirase en varios departamentos: ciclistas, avituallamento, entrega de números e chips, saída, meta e motos. Os interesados poderán inscribirse na web da carreira (www.coruna.es/carreraspopulares).
Francisco Mourelo adiantou algunhas das actividades paralelas que se levarán a cabo con motivo da celebración do II Maratón Coruña42. “É máis que unha carreira, é un programa de animación, é turismo deportivo, é un evento sostible”, concluíu.











