Mos educa en seguridade vial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMos
A-
A+
Cativos participando na campaña vial

Cativos participando na campaña

O vindeiro mércores, día 13 de marzo, celebrarase a derradeira sesión da campaña de ‘Educación e Seguridade Vial’ emprendida pola concellería mosense de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón, coa colaboración da DGT (Dirección Xeral de Tráfico).

Esta semana o programa educativo ‘Educación e Seguridade Vial’ levouse a cabo nos colexios de Atín-Cela e Lar, e durante o luns, martes e mércores da semana que ven farase o propio no CEIP Pena de Francia, no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos e no CEIP de Petelos, respectivamente.

Sobre esta iniciativa Monzón explicou que “cada día, nas nosas carreteiras, teñen lugar accidentes de tráfico que, na maior parte dos casos, poderíanse evitar cunha conduta axeitada á hora de circular pola calzada. Neste sentido, cómpre destacar que os nenos e nenas non son alleos ao fenómeno do tráfico, dende os primeiros anos de vida están inmersos neste entorno, e é nestas idades temperás cando é preciso transmitir boas actitudes como condutor, acompañante e, sobre todo, como viandante, tendo sempre en conta as peculiaridades do noso concello (carreteiras est

reitas e con curvas, menos iluminación que nas grandes cidades, etc.)”, declarou a concelleira. É por iso que, conscientes desta situación, dende a concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos decidiron organizar un programa preventivo sobre seguridade vial, a desenvolver nos centros educativos, co que se pretende colaborar na educación dos máis pequenos e que da continuidade a outros programas coma este desenvolvidos en anos anteriores.

O programa vai dirixido aos  alumnos/as da etapa de Educación Infantil de 5 anos, dos centros educativos de Mos. Con este programa atenderanse a un total de 126 alumnos/as beneficiarios.

Os obxectivos desta campaña son, fundamentalmente, fomentar entre o alumnado a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actitude viaria responsable, colaborar na seguridade dos escolares do noso Concello, fomentar actitudes responsables á hora de circular pola calzada, dentro ou fora dun vehículo, lograr que os máis cativos coñezan a principais sinais de tráfico e  aprendan a respectalas, promover a autonomía persoal e dar a coñecer o traballo da Policía Local.

O programa consta de catro sesións diferenciadas á hora de traballar cos alumnos/as, de xeito que estes/as vaian rotando por distintas actividades nas que se abordarán diversos aspectos da educación e seguridade vial. Ademais, en cada sesión os/as alumnos/as estarán acompañados por distintas figuras profesionais (persoal da DGT, policía, mestres, …).

A primeira sesión consiste nunha charla explicativa acompañada de Power Point que será impartida pola nosa experta, María Helena Rodríguez García. Ademais disto, contarase co visionado de distintas películas sobre educación vial adaptadas ás idades dos/as alumnos/as, cos contos paseando con Antón e Jero, Fructuoso el más rumboso e Chus eo autobús, elaborados pola DGT. Nesta exposición contarase coa participación dun policía local, que apoiará a actividade.

Na segunda sesión, gracias á colaboración dun Policía Local, amósaselles aos alumnos/as os distintos vehículos oficiais para que poidan identificalos correctamente, diferenciándoos segundo os servizos que ofrecen, e saiban como dirixirse a eles.

Na terceira sesión os/as alumnos/as percorren un circuíto en triciclos, patinetes, e correpasillos como condutores, ou como peóns, tendo que respectar, en ambos casos, as diferentes sinais de tráfico. Na realización desta actividade están acompañados por un Policía Local, o monitor da unidade móbil da DGT, e o examinador da Xefatura.

A cuarta e última sesión consiste nuns obradoiros educativos. No desenvolvemento desta parte da actividade, os/as alumnos/as estarán acompañados polo/a seu/súa profesor/a titor/a que con anterioridade recibiu a explicación  pertinente, por parte da Técnica da DGT. Nesta sesión trátase de que os/as alumnos/as aprendan dun xeito divertido e ameno as condutas adecuadas na rúa, e interioricen actitudes responsables, a través da realización de puzles, recortables, maquetas, fichas con sopas de letras, contos, etc.

8 de marzo de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.