Monforte sumarase un ano máis á “Hora do Planeta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte sumarase este sábado dia 23 de marzo á iniciativa mundial en defensa do medio ambiente “A Hora do Planeta”.

Trátase dunha iniciativa promovida pola asociación ecoloxista internacional WWF, coñecida en España como ADENA, que pretende demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático mediante o xesto de apagar as luces durante unha hora.

En Monforte, entre as 20:30 e as 21:30 horas, apagarase a iluminación pública na Praza da Estación, na explanada da Compañía e en San Vicente, incluíndo a Torre da Homenaxe.

Por quinto ano consecutivo Monforte participa na Hora do Planeta, a maior iniciativa mundial en defensa do medio ambiente. Como en anos anteriores, WWF quere mobilizar a administracións, empresas, centros educativos e cidadáns na loita contra o cambio climático, xa que xuntos poderemos evitar que o planeta aumente a súa temperatura ata un punto no que se produzan danos irreversibles para a natureza, a economía e a saúde de todos.

O ano pasado, máis de 250 municipios españois sumáronse á Hora do Planeta, nun evento no que participaron máis de 7.000 municipios e cidades de 152 países, apagando as luces de fogares, oficinas e edificios emblemáticos como a Alhambra, a Sagrada Familia, a Torre Eiffel ou a Cidade Prohibida, entre outros.

Como iniciativa mundial WWF vai un pouco máis lonxe cada ano e durante 2013 está invitando á cidadanía, empresas e municipios a ser eficientes no uso da enerxía e promover as enerxías renovables.

21 de marzo de 2013 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.