Miguel Lorenzo fai balance dos programas Agra-Activa e Mulleres Activas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, fixo balance, esta mañá, dos proxectos Agra-Activa e Mulleres Activas desenvolvidos durante os meses de novembro e decembro de 2012 no Agra del Orzán dentro do plan Urbana C, cofinanciado con Fondos FEDER da UE. Trátase de programas entre cuxos obxectivos estaba promover a inserción sociolaboral de ambos os dous colectivos.

Tal e como explicou o responsable de Servizos Sociais, o proxecto Agra-Activa, desenvolvido pola oenegé Ecos do Sur, ofreceu un total de 9 talleres a 121 persoas; recibiu máis de 800 consultas de asesoramento e orientación en cuestións laborais, sociais, culturais e psicolóxicas; ademais de desenvolver un taller de busca activa de emprego e poñer a disposición da poboación un servizo de asesoramento xurídico.

Por outra parte, co obxectivo de dinamizar o tecido social do Agra del Orzán, abriuse unha liña de dinamización intercultural na que participaron 540 persoas e 11 entidades. Neste sentido, Lorenzo recordou que para a integración dos inmigrantes “é imprescindible a implicación da cidadanía”. Por este motivo, unha das misións de Agra-Activa foi a de xerar un traballo en rede mediante as novas tecnoloxías da información e da comunicación na que participasen todos os axentes sociais da zona: entidades de axuda social, asociacións de veciños e comerciantes, centros educativos, de saúde e cívicos. Pretendíase crear espazos comúns de intercambio de experiencias, recursos e iniciativas para todas as persoas que viven no barrio.

O concelleiro agradeceu o seu labor no Agra del Orzán a Ecos do Sur, xa que se trata da zona da cidade na que conviven máis nacionalidades (ata 30) e dun espazo cunha elevada densidade demográfica: viven un de cada 10 coruñeses e no propio barrio 1 de cada 10 residentes son inmigrantes.

Lorenzo tamén se referiu ao proxecto de inserción laboral do Agra del Orzán Mujeres Activas, no que participaron 20 veciñas con perfís moi variados: dende desempregadas de longa duración a persoas que buscaban o seu primeiro emprego ou xente que, debido á crise, pasou a formar parte da poboación activa: “Participaron mulleres con idades entre 16 e 61 anos, de múltiples nacionalidades e con diferentes graos de formación”, matizou e explicou que o programa foi realizado por ACCEM. Mulleres activas ofreceu, durante dous meses, un par de talleres de busca de emprego e baixo o nome Cita Expresa organizou unha serie de entrevistas entre sete negocios e entidades da cidade, a maioría do barrio, e veciñas do Agra del Orzán.

Ademais, dentro do proxecto Mulleres Activas, realizáronse un total de 34 itinerarios individualizados de inserción laboral, debido á heteroxeneidade do grupo e a necesidade de traballar con cada unha das participantes de forma personalizada.

Proxectos para 2013

Miguel Lorenzo recordou que o Concello pretende manter este tipo de iniciativas no Agra del Orzán. Por este motivo, na Xunta de Goberno do 23 de febreiro acordouse aprobar un investimento de 217.000 euros para favorecer a inserción sociolaboral de mulleres e inmigrantes, dous proxectos, que se desenvolverán no Agra del Orzán dentro do plan Urbana C.

Por unha parte, destinaranse 55.095,25 euros procedentes de fondos europeos a promover a incorporación da muller ao mercado laboral, así como a fomentar a súa participación na vida social do barrio e favorecer medidas de conciliación. Por outra parte, o proxecto de inserción sociolaboral de inmigrantes que inclúe accións de información, asesoramento e apoio conta cun presuposto de 162.215,60 euros de fondos da Unión Europea. En ambos os dous casos, trátase de dúas convocatorias abertas a entidades sen ánimo de lucro para as que o prazo finaliza o 20 de marzo.

18 de marzo de 2013 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.