Médicos sin Fronteras e o Concello poñen en marcha a iniciativa Neda sin Fronteras

Cartaz do proxecto
Médicos sin Fronteras e a Concellería de Cultura, Educación e Igualdade de Neda inauguran este luns, 4 de marzo, a inciativa Neda sin Fronteras, que se extenderá ata o vindeiro venres 15 de marzo en horario de 18 a 20 horas. A apertura ao público da exposición “40 anos de Acción Humanitaria Independente” será o punto de partida dunha iniciativa que ten como principal obxectivo achegar aos veciños de Neda o labor da organización. Ademais, o conxunto das actividades programadas servirán tamén para concienciar a pequenos e maiores da necesidade de apoiar ás poboacións máis desfavorecidas.
A Casa das Palmeiras será o lugar que albergue a exposición “40 anos de Acción Humanitaria Independente”, unha mostra que con motivo do 40 aniversario da organización médico-humanitaria repasa a súa historia e os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas. A exposición consta de 30 fotografías que plasman o labor de Médicos sin Fronteras nalgúns dos contextos nos que ten intervido dende o seu nacemento. Neses contextos prestaron asistencia a poboacións en situación precaria e a vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, nos cinco continentes.
Grazas á colaboración de Médicos sin Fronteras e o Concello de Neda co IES Fernando Esquío, Neda sin Fronteras chegará tamén aos máis pequenos. Desta maneira, o día 12 de marzo ás 16 horas a Aula Audiovisual deste instituto acollerá a proxección de dúas curtas do documental “Invisibles”, un traballo que quere rendir xustiza a esas persoas que seguen a estar fóra da atención mediática: persoas con enfermidades esquecidas e vítimas de conflitos armados.
O programa de actividades de Neda Sin Fronteras rematará o venres 15 de marzo coa Conferencia-coloquio sobre Médicos sin Fronteras e o seu traballo, a cargo dun representante de MSF, ás 18 horas na Casa das Palmeiras e co Festival Solidario a beneficio da organización, no que actuarán os grupos Zoar do vento, Agrupación da Muchiqueira e a Rondalla Lucero del Alba. A entrada ao festival, que se realizará no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 20 horas, será de 2 euros. Todo o recadado neste concerto solidario será destinado aos proxectos de Acción Humanitaria de Médicos sin Fronteras.











