Marcos Rodríguez volve a gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa XV edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+

O xoves 7 de marzo ás 16.00 horas reuníronse no Pazo da Cultura de Carballo os membros do xurado do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís para fallar os premios que este ano teñen un importe total de 1.850 euros. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Nesta última edición presentáronse un total de 177 imaxes de 75 participantes, e os galardoados son: co 1º Premio, dotado con 700 € e diploma, a fotografía que leva por título “Cóntamo todo” presentada por Marcos Rodríguez Cotelo (na imaxe), de Cee, que gaña o certame por segunda vez; co 2º Premio, dotado con 450 € e diploma, resulta elixida a fotografía que leva por título “El tiempo espera” presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón); o Premio Especial Carballo, dotado con 450 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título “Auxilio” presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 € cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía “Bosque de arena” presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía “Lake” presentada por Laura Cuba, de Oleiros.

Este ano o xurado estivo composto por Marcos Xosé Trigo Facal (Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Formación e Emprego), Francisco Javier Iglesias Pallas (en representación da Asociación Cultural San Campio de Cances), Ángel Cordero Gómez (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Henrique Hortas López (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Teresa Búa Sambad (gañadora do primeiro premio da XIII edición), Ánxeles Novas Fernández (arquitecta, galerista e profesora de debuxo), e Mª del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo). A entrega de premios e a inauguración da exposición cunha selección das obras presentadas ao XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís realizarase proximamente no Pazo da Cultura. ASí mesmo, hai que lembrar que, ademais de para fomentar a divulgación da fotografía, o concurso pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas grandes afeccións.

8 de marzo de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.