Manifesto 8 de marzo, Día internacional da muller
Manifesto de Mª Elena Buyo Naveiras, Mª Isabel Pereira Basoa e Marisol Pena Adeja, polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
RECORDANDO…
Na obra de teatro Lisístrata de Aristófanes situada na antiga Grecia, a protagonista realiza unha folga xeral para forzar que os homes non fosen á guerra.
Hipátria de Alejandría reivindicou a liberdade de pensamento e a autonomía persoal da muller.
Durante a revolución francesa producíronse as primeiras peticións formais de dereitos políticos e de cidadanía para a muller.
A mediados do século XIX os movementos da muller toman forza. Xorden os primeiros movementos sufraxistas encabezados por Flora Tristán.
Remitímonos a 1884 onde aparecen textos sobre a familia, a propiedade privada e o estado, movementos anarquistas, a procreación consciente do proletariado, a separación da sexualidade da procreación, a defensa da maternidade libre, a liberación feminina, a planificación familiar e o uso de métodos anticonceptivos.
O 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras do téxtil saíu á rúa a protestar polas míseras condicións nas que traballaban.
En 1908 en Nova York, escenario dunha nova folga para reivindicar 10 horas de traballo e igualdade salarial. Durante esta folga 140 mulleres pereceron queimadas dentro da fábrica como resposta á folga que se atribuíu sen dúbida ao dono da fábrica.
En 1910, na 2ª Conferencia Internacional en Dinamarca, máis de 100 mulleres aprobaron dedicar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, festa nacional en moitos países.
Xeración tras xeración seguimos loitando para mellorar esta sociedade tan inxusta, seguimos recordando ás nosas compañeiras de Cidade Juares, España, India, África… onde as súas almas quedan nas fábricas e os seus corpos nas cunetas, por salarios ínfimos e, os organismos oficiais seguen mirando cara a outro lado.
Os nosos dereitos son pisados constantemente, cada logro é unha pequena conquista de todas, sexa no ámbito que sexa.
Corren tempos difíciles, quizais de estancamento e retroceso, dereitos sociais e salarios dignos seguen sendo un soño. O camiño é longo pero, loitando lograrémolo.
Fene, 8 de marzo de 2013
Mª Elena Buyo Naveiras
Mª Isabel Pereira Basoa
Marisol Pena Adeja
Primeiras mulleres concelleiras de Fene na primeira corporación democrática. (1979-1983)











