Máis de medio cento de veciños e veciñas de Brión participaron na “Ruta dos 3 ríos” en Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+
Participantes na ruta

Participantes na ruta

Un total de 54 veciños e veciñas de Brión participaron esta fin de semana na primeira ruta de sendeirismo deste 2013 organizada polo Concello de Brión e que tivo como destino a “Ruta dos 3 Ríos” no municipio de Touro. Dezaoito quilómetros polas beiras dos ríos Ulla, Beñeo e Lañas onde os participantes puideron contemplar antigos muíños e vellas pesqueiras empregados polos veciños da zona.

O tempo acompañou pois, aínda que ameazaba choiva, só choveu miudiño no comezo da xornada. Os sendeiristas brioneses saíron da área recreativa de Santalla e camiñaron por un sendeiro que atravesa espazos naturais de gran beleza, entre frondosos bosques onde antigamente se recollían leña e castañas. O broche de ouro púxoo a fervenza do Inferniño, un espazo natural de gran beleza.

Despois desta primeira saída, o Departamento de Deportes do Concello de Brión traballa xa na segunda ruta do ano, que terá como destino a costa da Vela, en Cangas. A data inicialmente manexada para esta ruta é o 27 de abril.

27 de marzo de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.