Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal de Carballo
A Bolsa de Traballo Municipal, que está en marcha dende o pasado novembro, xa conta a día de hoxe con máis de 900 solicitudes de demandantes de emprego, das que 477 persoas xa están dadas de alta, e arredor de 450 están en listaxe de espera, con citas concertadas para manter entrevistas coas técnicas responsables do servizo, situado no complexo Fórum Carballo na Milagrosa. Así mesmo, a Concellaría de Formación e Emprego ten realizado un estudo estatístico sobre o funcionamento da Bolsa durante os seus primeiros tres meses de vida (entre o 19 de novembro e o 15 de febreiro). Segundo estes datos, neste período téñense rexistrado un total de 389 persoas dadas de alta, mentres que durante este tempo, o número de postos de traballo ofertados pola Bolsa foron un total de 15, para os que o servizo tramitou para as empresas un total de 31 currículums. O número de postos cubertos pola Bolsa de Traballo foron 5, mentres que ao remate do trimestre quedaron dúas ofertas pendentes de cubrir con candidatos. Ademais neste intervalo téñense realizado 55 modificacións de currículums por parte dos usuarios e usuarias. Atendendo á discriminación por sexo, o número de homes no servizo é de 217 (55,78 por cento) fronte a 172 mulleres (44,22 por cento).
Se relacionamos as variables de sexo e idade, podemos observar que neste primeiro trimestre inscribíronse na bolsa de traballo máis homes que mulleres en calquera tramo, exceptuando aos maiores de 25 e menores de 40, en que o número total de demandantes é o mesmo, 93 persoas por cada sexo. O tramo de idade que recolle unha maior diferenza de rexistros é o correspondente aos maiores de 40 e menores de 55, onde o 62,41 por cento das solicitudes totais nesta franxa de idade pertencen ao sexo masculino.En canto á distribución por localidades de residencia dos demandantes que se deron de alta na bolsa durante este periodo, podemos ver que o 75,58 por cento son persoas residentes no municipio de Carballo (294), existindo tamén candidatos/as interesados/as na bolsa procedentes doutras provincias, cun demadante de Ourense. Na provincia da Coruña, hai interesados e interesadas de vilas como a capital, Santiago de Compostela, A Laracha, Cabana, Cee, Coristanco, Laxe, Malpica, Ponteceso, Zas, Cerceda, Santa Comba, Dumbría, Cee, Tordoia, Teo ou Ames.
O 19,5 por cento dos solicitantes: sen formación académica
Outra das variables a ter en conta na Bolsa de Traballo Municipal, e que neste caso inflúe directamente na empregabilidade dos/as demandantes é a titulación académica. O 25,96 por cento das altas rexistradas neste periodo posúen o certificado de estudos primarios ou EXB, fronte ao 19,54 por cento que carecen de formación académica regulada. Respecto da clasificación dos dez postos de traballo máis solicitados por parte dos/as usuarios/as durante este primeiro trimestre, o máis demandado é o emprego polivalente, seguido de mozo de almacén e dependente de comercio. Están seguidos de cerca polas ofertas de repoñedores/as e repartidores/as, así como de caixeiros/as de supermercado. Tamén están moi solicitados empregos de administrativo/a, persoal de limpeza, condutor/a de camión e albaneis.
Os interesados e interesadas en contactar coa Bolsa de Traballo, poden facelo no enderezo electrónico <bdt@carballo.org> ou a través do número de teléfono 981 709 011. Tamén poden acudir directamente ao servizo no Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n (barrio da Milagrosa). Dende a Bolsa de Traballo animan, así mesmo ás empresas a que se poñan en contacto co servizo para informarse sobre o seu funcionamento e dado que ten carácter gratuíto. Poden preguntar por Milagros Antelo ou por Mª Dolores Serrano. Os interesados e interesadas en obter información máis polo miúdo, consultando as gráficas elaboradas sobre o primeiro trimestre de funcionamento da Bolsa de Traballo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.











