Máis de 3.000 persoas participan este venres no XI Festival Intercentros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+
hrhj

Presentación do Festival Intercentros

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo asistiu esta mañá á presentación do Festival Intercentros, unha gala solidaria que se celebrará no Coliseum o próximo venres, 15 de marzo, a partir das 17.15 horas. O evento, que conta coa colaboración do Concello, destina este ano os seus beneficios á Cociña Económica baixo o lema Tres mil quilos de alimentos e un millar de esperanzas.

“O Festival Intercentros é un evento moi especial para este Concello. Especial polo número de institucións e centros que participan, polos máis de 700 mozos e as súas familias que compoñen este proxecto solidario e, sobre todo, porque este ano os beneficios se destinan a unha das institucións máis queridas da nosa cidade” “polo que esperamos superar de sobra ese obxectivo de reunir tres mil quilos de alimentos”, destacou o concelleiro. En concreto, cada asistente terá que entregar un quilo de alimentos que serán recollidos por voluntarios durante a tarde do propio venres.

O XI Festival Intercentros subirá ao escenario 700 mozos de 22 centros da cidade que participarán en 37 actuacións nas modalidades de electrónica, canción e coreografía. Este ano ademais, premiarase a solidariedade e o centro que máis traballase no proxecto será o encargado da solta de globos coa que cada ano conclúe o evento que nesta edición contará coa participación dun Dj. Non se trata tan só dunha gala musical, o Festival Intercentros é tamén unha actividade educativa e sobre todo solidaria. Hoxe conclúe un traballo moi completo que se desenvolveu nos centros da cidade, unha campaña de sensibilización que culminará o venres e que demostra a enorme canteira solidaria coa que contamos na Coruña,” explicou Lorenzo.

As entradas véndense a un prezo de 5 euros e pódense adquirir no despacho da Praza de Ourense, a través de www.servinova.es, ou o mesmo día da gala no Coliseo.

13 de marzo de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.