Lixeiro repunte da poboación de pomba doméstica na cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de medio ambiente, dirixida por Antonino Luaces, informa sobre os datos do “Proxecto de Control Poboacional da Pomba Doméstica en Monforte”, referidos ó período outubro 2011/outubro 2012.

Dende o outono do ano 2005 e ante a proliferación de pombas domésticas na nosa cidade, a concellería de medio ambiente decidiu poñer en marcha un proxecto para controlar a poboación destas aves, coa intención de evitar a súa fácil reprodución e as  consecuencias que produce o elevado número de pombas en calquera cidade.

O custo anual do servizo foi de 5.115 €, prácticamente a metade que o ano anterior, xa que se veu afectado pola redución económica xurdida do Plan de Axuste.

Metodoloxía:

O control destas aves realízase mensualmente mediante o seu seguimento e a colocación de trampas de vivo (xaulas) en terrazas e pombales urbanos que albergan as edificacións en mal estado ou inacabadas. Os informes que facilita a empresa Locus Avis S.L.U., con quen o Concello contratou este servizo, teñen carácter anual.

A empresa realiza un censo anual da poboación de pomba doméstica para estudar o tamaño da poboación,  coñecer os principais lugares de nidificación e outros puntos de alta concentración de pombas (puntos de alimentación, descanso ou aseo dentro do casco urbano), así como a comparación destes datos cos obtidos no ano anterior.

O censo, realizado por un biólogo da empresa, desenvolveuse durante o mes de outubro baixo condicionantes biolóxicos, ambientais e climáticos similares ás dos censos realizados en anos anteriores, o que permite obter un estudo comparativo e datos fiables da súa evolución temporal.

No percorrido realizado en outubro de 2012 polo casco urbano de Monforte de Lemos establecéronse 27 puntos de observación de pombas, coincidentes con zonas de cría, descanso, aseo ou alimentación.

Datos:

O total de pombas observadas durante a realización destes itinerarios foi de 56 individuos, dato ó que hai que aplicarlle diversos factores de corrección en función das distintas variables (actividade segundo a hora do día, detectabilidade segundo a trama urbana, etc). Neste caso, ó igual que se fixo nos anteriores censos, aplicouse un factor de corrección para a zona urbana de 3,9, obténdose un tamaño poboacional estimado de 218 pombas na cidade no mes de outubro do 2012.

Obsérvase un leve repunte na poboación de pombas durante este sétimo ano de control, repunte que podería estar relacionado coa diminución na frecuencia das visitas de trampeo (unha ó mes) debido a redución do custo do contrato. Aínda así, a poboación de pombas reduciuse nun 83 % respecto ó ano de inicio do control.

Debido ao carácter puntual do censo, esta cifra final non debe ser interpretada como un dato global e estático, dada a facilidade que teñen as pombas para adaptar o seu éxito reprodutor ás condicións climáticas do momento e á dispoñibilidade alimenticia da contorna. Esta adaptabilidade ambiental pode provocar grandes fluctuacións e reaxustes nas súas poboacións en períodos de tempo relativamente breves.

Os métodos a utilizar para poder solucionar as problemáticas concretas ocasionadas polas pombas neses enclaves prioritarios son a limitación da accesibilidade ós pombales mediante o correcto peche dos edificios inacabados ou abandonados, e a extracción dunha porcentaxe de individuos a través da colocación de trampas de vivo.

Entre os meses de outubro dos anos 2011 e 2012 instaláronse cinco trampas de vivo fixas e móbiles nos seguintes lugares: Parador de Turismo, rúa Lagares, rúa Hortas, rúa Coruña e granxa de Prodeme. Algunhas trampas vanse retirando no caso de que a captura de pombas sexa menor do agardado, así sucedeu coa do Parador  (2 capturas en outubro do 2011) e coa da rúa Lagares (21 capturas ata abril do 2012).

O número total de pombas capturadas nas cinco trampas no período sinalado foi de 718, a maioría delas nas trampas da rúa Hortas (140) e Coruña (188). Mención especial merece a situada na granxa de Prodeme no mes de abril de 2012 e na que se capturaron 367 exemplares en seis meses. Este número tan elevado débese á presenza de alimento para os animais, motivo polo que acuden moitas pombas.

A porcentaxe do total de capturas distribúese da seguinte maneira entre as diferentes trampas de vivo: granxa Prodeme 51 %; rúa Coruña 26,2 %; rúa Hortas 19,5 %; rúa Lagares 3 %.

Os meses nos que máis pombas se capturaron foron abril e xuño do 2012, con 220 e 135 pombas, respectivamente. Pola contra, os meses de menores capturas foron agosto e setembro do 2012, con 2 e 5 pombas, respectivamente. O resto dos meses as capturas oscilaron entre as 15 de febreiro e as 69 de maio do 2012.

A evolución anual da poboación de pombas no casco urbano desde que se iniciaron os labores de control e a porcentaxe de redución anual destas aves foi a seguinte:

– outubro de 2005 (1.268 pombas)

– outubro de 2006 (784 pombas) redución do 38 %

– outubro de 2007 (562 pombas) redución do 28 %

– outubro de 2008 (335 pombas) redución do 40 %

– outubro de 2009 (308 pombas) redución do 8 %

– outubro de 2010 (215 pombas) redución do 30 %

– outubro de 2011 (195 pombas) redución do 9 %

– outubro de 2012 (218 pombas) incremento do 12 %

A evolución anual das capturas de pombas en trampas foi a seguinte:

-2005/2006: 950 capturas

-2006/2007: 1.060 capturas

-2007/2008: 1.850 capturas

-2008/2009: 1.100 capturas

-2009/2010: 618 capturas

-2010/2011: 429 capturas

-2011/2012: 718 capturas

14 de marzo de 2013 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.