Licitación do servizo de cafetería e mantemento do Centro de recepción de visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Co obxectivo de completar os servizos ofertados aos veciños e turistas no Centro de Interpretación e recepción de visitantes, o Concello de Ortigueira anuncia a licitación do servizo de cafetaría, mantemento e limpeza das novas instalacións turísticas, situadas no Porto de Ortigueira. Os interesados poderán presentar as súas ofertas na Casa Consistorial ata o 2 de abril.

Tras a publicación do anuncio no BOP de hoxe, ábrese un prazo de quince días para que quen queira conseguir o contrato de explotación da cafetaría do “portal turístico” do territorio Ferrol- Ortegal e o mantemento das dependencias, presente as súas ofertas. Establécese un canon mínimo de 2.400 euros anuais máis IVE e a participación nos gastos electricidade e auga do inmoble.
O goberno local confía en que o inmoble, que se inaugurou en xullo do 2011 e funciona como punto de información turística municipal e sala de exposicións de temática ambiental, poida estar a pleno rendemento en cuestión de semanas. Deste modo, quen asuma a súa xestión poderá aproveitar ao máximo a tempada de máxima afluencia de turistas.

O edificio, realizado en madeira e con fachadas acritalar, converteuse nun dos equipamentos centrais da Concellaría de Cultura e Turismo. Suma ao servizo de atención ao visitante, a mencionada sala de exposicións que permite descubrir o visitante os principais valores naturais do municipio ou elementos do patrimonio cultural, unha sala de xuntas e a área de restauración que agora se pretende adxudicar, despois de que o pasado ano quedase deserto.

Finalmente, cabe sinalar que o goberno local aspira a contar co respaldo económico do Grupo de Acción Costeira A Mariña- Ortegal para materializar un proxecto global orientado a poñer en valor o centro, converténdoo nun punto de interese por si mesmo para os turistas, o que axudará a atraer usuarios e a aumentar a promoción do destino turístico.

18 de marzo de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.