Lete Lasa entrega a David Cal o dossier da súa candidatura ao Premio Príncipe de Asturias

Entrega do dossier a David Cal
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixo entrega hoxe a David Cal dunha copia do dossier da súa candidatura ao Premio Príncipe de Asturias dos Deportes 2013, e que, no día de onte, foi remitida á sede da Fundación Príncipe de Asturias en Oviedo.
Durante o acto, no que tamén participou o adestrador do padexeiro cangués, Suso Morlán, o secretario xeral para o Deporte quixo subliñar o enorme respaldo acadado pola Xunta de Galicia na presentación desta candidatura. “Desde o Parlamento Galego, ata a Deputación de Pontevedra, pasado polos Concellos de Pontevedra e Cangas do Morrazo, os medios de comunicación máis importantes de Galicia ou un sen fin de entidades deportivas galegas, españolas e internacionais, como as Federacións internacional e europea de piragüismo ou o Comité Olímpico Español, todos teñen respondido a esta iniciativa do Goberno de Galicia no obxectivo común de que David acade o Premio”, apuntou Lete Lasa.
Pero de entre todos estes apoios, o secretario xeral quixo particularizar os populares acadados a través da habilitación establecida na páxina web do deporte galego. “Á data de elaboración do dossier, máis de 1.300 persoas tiñan mostrado este apoio, pero o número segue crecendo a diario: non cabe dúbida que todos recoñecemos en David un xusto merecedor deste Premio”.
A candidatura presentada, xunto á extensa relación de apoios, recolle o currículo deportivo de David Cal, no que destaca ser o español con máis medallas nuns Xogos Olímpicos (cinco) ou o padexeiro mundial con máis medallas individuais na historia dos Xogos Olímpicos. En total, David Cal ten acadado 20 medallas en Xogos Olímpicos, Campionatos do Mundo e de Europa, “una impresionante relación de medallas que, estamos seguros, seguirá medrando, e terá unha nova achega en Río 2016”, remarcou Lete Lasa.











