Lete asina os contratos de patrocinio dos clubs de alta competición de Galicia
Logo de comezar no día de onte a sinatura dos contratos de patrocinio dos clubs de alta competición de Galicia en Vigo e Pontevedra, o secretario xeral para o Deporte, e vicepresidente executivo da Fundación Deporte Galego, José Ramón Lete, asinou os contratos do plan cos equipos de Santiago de Compostela.
O plan, iniciado na tempada 2009/2010, pon de manifesto, segundo Lete Lasa, que “o deporte galego, e dentro del, os nosos clubs de alta competición, son inmellorables embaixadores de Galicia: levan a nosa marca, e os galegos sentímonos correlativamente representados neles”.
Na presente tempada, un total de 65 equipos quedan englobados no plan, representando unha ampla variedade de modalidades deportivas: bádminton, baloncesto e baloncesto en cadeira de rodas, balonmán, béisbol, fútbol e fútbol sala, hockey herba e a patíns, rugby, tenis de mesa e voleibol. Todos eles teñen en común contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel en modalidades deportivas nas que a competición de máximo nivel se desenvolve, na categoría absoluta, en sistema de liga regular á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría e cun volume de desprazamentos frecuente
Lete Lasa quixo remarcar a moi destacada presenza do deporte feminino: “Como en edicións precedentes, o deporte feminino acada un moi destacado volume de investimento; pero este ano, ademais, vese reforzado fronte a pasadas tempadas: 30 equipos na 2010/11, 32 na 2011/12 e 34 na 2012/2013”, apuntou o secretario xeral.
Este incremento na presenza de equipos femininos ten o seu correlativo reflexo no incremento da dotación económica investida: 861.000 euros fronte aos 834.000 do pasado exercicio.
Seis equipos de Santiago de Compostela, cunha inversión orzamentaria de máis de 149.000 euros
No ámbito do plan, José Ramón Lete, asinou hoxe os contratos cos seis equipos de Santiago de Compostela: a Sociedade Deportiva Compostela, o Santiago Futsal, o Arteal Tenis Mesa (dous equipos masculinos e un feminino) e o Club Oroso Tenis de mesa.











