Lectura manifesto: Día da Muller Traballadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal
A-
A+

20130312-27Lectura de manifesto a cargo da Concelleira Beatriz Deus, e entrega do premio unha tablet a  Raquel Rodríguez Triñanes alumna do IES A Cachada, gañadora do Certame de Carteis para o Día Internacional da Muller Traballadora 2013.

Manifesto:

Hoxe 8 de marzo,  conmemoramos o día internacional da muller traballadora, dende o Concello de Boiro queremos alzar as nosas voces para facer un recoñecemento a todas esas mulleres que o longo da historia loitaron contra a discriminación.

O día internacional da muller traballadora é un día no que debemos facer memoria e reflexionar sobre os avances acadados.

Estamos no século vinte e un, momentos de grandes avances tecnolóxicos, industriais, políticos e sociais, pero isto non significa que acadásemos xa a meta final.

Maila que se produciron avances, as mulleres aínda temos baixa taxa de actividade, traballamos máis a tempo parcial que os homes, abundamos máis nos traballos e sectores menos valorados. En xeral, estamos peor remuneradas e ocupamos un número menor de espazos de responsabilidade no ámbito laboral.

Neste Concello somos conscientes de que seguen existindo moitos obstáculos para que as mulleres desenrolen unha vida persoal e familiar harmónica e unha actividade profesional plena.

Consideramos necesario progresar no desenvolvemento dun modelo de organización social máis aberto, no que homes e mulleres, mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades de desenrolar o seu proxecto vital e de facelo en condicións de igualdade.

Por iso, dende o Concello de Boiro queremos manifestar o noso compromiso de seguir  traballando e potenciando todas aquelas accións que faciliten a compatibilización da vida familiar, persoal e laboral das mulleres.

Así mesmo, este goberno reafirmase no compromiso de previr e condenar as condutas discriminatorias, sendo o motor que impulse a sensibilización cidadá para que tome parte activa fronte a estes obstáculos.

Dende o Concello de Boiro comprometémonos a seguir traballando e avanzando a favor da igualdade entre homes e mulleres xa que estamos convencidos de que a igualdade é o piar fundamental no cal se asenta o benestar social.

O día 8 de marzo representa especialmente o esforzo e o sacrificio de moitas mulleres para acadar a igualdade de oportunidades, pero simboliza tamén o impulso de toda unha cidadanía, formada por mulleres e tamén por homes, conscientes de que a equidade é a clave para crear unha sociedade máis xusta e máis equilibrada, e de que se debe reforzar unha formación en valores que potencie a solidaridade, a tolerancia, o respecto e, por suposto, a igualdade de oportunidades.

Só, entón, poderemos celebrar e non conmemorar este día.

12 de marzo de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.