Laracha mostra o seu apoio á plataforma de afectados polas preferentes de Bergantiños
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, recibiu esta mañá no Concello a María Lourdes Fernández, Jesús Puente e Celso Amado, representantes da Plataforma de Afectados polas Preferentes de Bergantiños, nunha reunión na que o rexedor lles mostrou a súa solidariedade e desexo de que os afectados recuperen o seu capital, así como a total predisposición do goberno local para levar a cabo todas aquelas iniciativas que, dentro das escasas competencias que o municipio ten nesta materia, poidan desenvolverse para secundar as propostas da plataforma reforzar as demandas dos afectados.
Así, o grupo de goberno da Laracha presentará no próximo Pleno da Corporación Municipal –previsto para o mércores día 27 de marzo- unha moción na que se instará á Xunta de Galicia, Goberno Central, Parlamento Español, Ministerio de Economía, Banco de España, Comisión Europea da Competencia, Comisión Nacional de Valores, FROB e Novagalicia Banco (NGB) para que se adopten as solucións legais oportunas para que, no caso das comercializacións indebidas das participacións preferentes e das obrigas subordinadas, se eliminen as quitas e se evite a realización de canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou supoña a perda de valor nominal dos títulos dos seus produtos. Ademais, reclamarase que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe de xeito xenérico e se dea contestación afirmativa a todos os solicitantes considerados aforradores pedindo á entidade NGB que maximice e axilice as aceptacións de arbitraxe.
O grupo de goberno da Laracha proporá ao resto de grupos con representación no Pleno consensuar o texto definitivo desta moción, cuxo contido é de características moi similares ao acordo recentemente adoptado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Reunión entre alcaldes de Bergantiños
Co obxecto de analizar a problemática deste asunto, foi convocada para o martes da próxima semana (día 12 de marzo) unha reunión na que participarán todos os alcaldes da comarca de Bergantiños.
José Manuel López Varela insistiu ante os membros da Plataforma que desde o Concello da Laracha, co apoio doutros municipios da bisbarra, se darán todos os pasos posibles, dentro das limitadas competencias, para apoiar as reivindicacións dos afectados.
516 reclamacións na Oficina Municipal de Información ao Consumidor
O Concello da Laracha ten a disposición das persoas afectadas polas participacións preferentes, sexan ou non residentes no municipio, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor, na que poden denunciar o seu caso e solicitar a correspondente arbitraxe.
A día de hoxe xa son 516 os afectados que tramitaron a súa reclamación, dos que preto dun 90% corresponden a persoas residentes en Carballo ás que se lles comercializaron os produtos financeiros nas oficinas de NGB do municipio veciño. Entre o 10% restante de reclamantes hai xente, principalmente, da Laracha, Arteixo e de Malpica de Bergantiños.
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor, situada na primeira planta da Casa Consistorial, ten un horario de luns a venres de 9.00 a 15.00 horas.











