Karatekas de toda a Comunidade participarán este mes no II Trofeo Vila de Cedeira
Cedeira acollerá este mes de marzo a segunda edición do Trofeo Vila de Cedeira de Kárate. Promovido pola Escola de Karate Cedeira coa colaboración do Concello e a Federación Galega, a competición terá lugar o día 23, a partir das catro e media da tarde, no Pavillón Polideportivo Municipal.
Os organizadores prevén a participación de deportistas de toda a Comunidade galega, aínda que as cifras definitivas tan só se coñecerán a partir do 15 de marzo, cando se peche o prazo de inscrición. Os participantes poderán competir nas modalidades de kumite (combate) e kata (formas), nas seis categorías previstas (benxamín, cría, infantil, cadete, xuvenil e júnior). Así mesmo, haberá trofeos e medallas para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina.
Por último, e tras o éxito da primeira edición, a organización confía en igualar e mesmo mellorar as cifras tanto de participantes coma de público asistente á competición, con entrada libre e gratuíta.











