Jose Manuel Rey Varela recibiu hoxe a visita oficial da embaixadora australiana, Jane Hardy

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Encontro do rexedor coa embaixadora

Encontro do rexedor coa embaixadora

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu hoxe na Casa Consistorial, á embaixadora de Australia, Jane Hardy, que estes días visita na cidade as dependencias do Arsenal Militar e os estaleiros de Navantia na ría. A alta representante do país oceánico asinou no Libro de Ouro de Ferrol e intercambiou agasallos co rexedor municipal. Así, Rey Varela fíxolle entrega a Jane Hardy, que ten estudos de Belas Artes, do libro “A Nosa Pintura” ademais dunha cerámica de Sargadelos coa representación do castelo de San Felipe. Pola súa banda, a embaixadora deixou no Concello de Ferrol un volume sobre o país australiano.

O primeiro edil da cidade amosou, en nome de toda a Corporación Municipal de Ferrol a súa satisfacción por recibir á embaixadora na Casa Consistorial. “Desexamos que se consolide e medre a colaboración que nestes momentos manteñen os dous países, España e Australia, e na que Ferrol xoga un papel fundamental”. No encontro desta mañá, Jose Manuel Rey abordou coa diplomática australiana os lazos que unen á cidade naval co país oceánico. Unha relación baseada nos contratos navais en curso nos que participa Navantia, coa construción de dous megabuques anfibios e o traballo de deseño doutros navíos para a Armada de Australia que se realizarán en estaleiros daquel país.

Precisamente, a embaixadora Jane Hardy informou de que o seu goberno vén de bautizar o “Camberra”, un dos buques feitos na ría ferrolá, e que “unha mostra da importancia que ten este proxecto para o noso país é a presenza na cerimonia de bautismo do noso primeiro ministro”, apuntou a embaixadora. Ademais, Jane Hardy indicou que na xornada de onte tivo ocasión de subir a bordo do “Adelaide”, o segundo navío que fabrica Navantia para a Mariña de Australia; e que na actualidade a Armada do seu país está a facer un recoñecemento do buque “Cantabria”. “Son todos eles navíos magníficos e Navantia ten razóns para sentirse orgullosos deles”, dixo a diplomática Jane Hardy.

7 de marzo de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.