III Homenaxe á Muller do Concello de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia conmemora o domingo, ás 19.00 horas no Auditorio Municipal Santa Baia, o Día Internacional da Muller, cunha homenaxe a seis persoas do municipio, representantes de cada unha das seis parroquias. María Prado, de Barrantes; María Luisa Laínez, de Besomaño; Josefa Paz, de Leiro; Esperanza Castro, Lois; Dolores Alfonsín, de Ribadumia; e Carmen Fernández, de Sisán, son as elixidas para recibir esta distinción na terceira edición da Homenaxe á Muller do Concello de Ribadumia. O obxectivo, segundo explica a alcaldesa Salomé Peña, é recoñecer a súa traxectoria e o seu esforzo tanto no ámbito laboral como na conciliación coa súa vida persoal.

Son mulleres que destacan polo seu esforzo constante ao longo de toda a súa vida, desde as idades máis temperás, polo seu traballo, a súa constancia e por terse que afrontar a situacións adversas. Segundo explican desde o concello, son seis mulleres de raza. Son mulleres todoterreno. Madres abnegadas, compañeiras sacrificadas. Elas son unha representación da muller rural e labrega. Traballando de sol a sol na eira. Combinando este traballo coas tarefas do fogar, co coidado e coa educación dos fillos. Mulleres que dedicaron toda a súa vida ao traballo dentro e fóra da casa. Todas elas combinaron as súas tarefas no campo, desde moi mozas, co coidado de fillos e dos maiores. E todas elas tamén destacan por unha incansable fortaleza e ansias de superación, dunha grande vitalidade e de ser o motor das súas familias. “E agora é tempo de lle devolvamos un anaco de todo o que elas nos ofreceron”, opina Salomé Peña.

A homenaxe a estas seis mulleres tamén contará coa participación das súas familias. Serán eles, os seus fillos, as súas fillas, netos e netas, quen expliquen ao público do Auditorio os aspectos máis salientables da vida de cada unha delas.

Tras a homenaxe, o escenario do Auditorio acollerá o concerto de Ducho Vidal e da súa harmónica.

5 de marzo de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.