Igualdade de Vilagarcía entrega os premios da V Marathón Fotográfica
A Área de Igualdade do Concello pecha mañá as actividades desenvolvidas durante o presente mes de marzo para conmemorar o 8 M, Día Internacional da Muller, coa inauguración da exposición das imaxes tomadas durante a V Marathón Fotográfica pola Igualdade. A exposición, composta polas 114 imaxes que se presentaron ao certame, instalarase no corredor do Auditorio e a súa apertura oficial celebrarase ás 20:00 horas no acto no que tamén se fará público o nome dos autores das tres fotografías vencedoras.
A Área de Igualdade entregará un premio de 200 euros por cada unha das tres categorías ou temáticas a ilustrar. Así, premiarase a mellor imaxe que reflicta a temática do “Androcentrismo”, a que máis se adapte ao concepto de “Feminismo” e tamén a que mellor plasme a idea de “Do que se come se cría”, todas elas dende a óptica da Igualdade e do papel da muller no eido laboral.
Para a elección das mellores fotografías contouse cun xurado composto polos fotoxornalistas Emilio Moldes e José Luis Oubiña; Andrea Fernández como profesional dos medios de comunicación; María José Crespo en representación do Consello Local da Mulelr, e a concelleira da Área de Igualdade, Ángeles Rodríguez.
Aínda que na edición deste ano inscribíranse 53 persoas, as negativas condicións meteorolóxicas rexistradas o día da celebración da Marathón propiciaron que finalmente participasen 38 concursantes. A maior parte dos que non se presentaron eran persoas doutros municipios, algúns deles bastantes distantes. A franxa de idades dos participantes é moi ampla, xa que participaron dende menores de idade con autorización paterna, ata septuaxenarios.
Ao acto de inauguración e de entrega de premios está previsto que asistan os concursantes así como a concelleira de Igualdade, Ángeles Rodríguez; e Elena Suárez, a titular da Concellería de Traballo e Benestar na que se integra esta área.











