I Carreira “Vicente Otero Valcárcel”
O concello de Carral e o CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral, están a preparar a I CARREIRA “VICENTEOTERO VALCARCEL” prevista para o día 23 de marzo. Esta carreira popular nace co dobre obxectivo de fomentar a práctica deportiva saudable e o de recadar fondos para a excursión de fin de curso dos alumnos de 6º de Primaria do centro educativo. Ademais, dende o departamento municipal de deportes e o departamento de educación física do Centro preténdese achegar o mundo da xestión e organización deportiva, aos alumnos de 6º que participarán no evento como colaboradores.
Os corredores dividiranse en 8 categorías en función das súas idades, que poderán abranguer dende os 3 aos 100 anos, e que determinará a distancia da súa carreira. Así, os máis pequenos disputarán unha distancia de 50 metros; os seguintes correrán xa os 400 metros; as crías correrán nun circuíto de 900 metros; entre os 13 e os 21 anos correrán ao longo de 4.650 m e finalmente, as categorías absolutas terán que percorrer unha distancia de 10.410 m. Estes percorridos discorren entre estradas dos concellos de Carral e de Culleredo, transitando polos lugares de Carral, a Brexa, Vilamouro, Lodeiro, Folgueira-Castelo, Cabrois, Paleo, Os Chas e de novo Carral.
Os máis pequenos empezarán a correr ás 11.00 da mañá sucedéndose cada 15 minutos as seguintes categorías, ata chegar ás 12.30, momento no que está previsto que arranque a proba absoluta e o groso dos corredores.
Durante o transcurso das probas deportivas, as estradas estarán cortadas ao tránsito dos vehículos por voluntarios e a policía local e protección civil de ambos os dous concellos. Espérase que en 2 h as vías volvan estar operativas.
Unha vez rematadas as carreiras pasaremos á entrega dos premios. Entregarase un trofeo ao primeiro e medallas aos 2º e 3º de cada categoría.
A inscrición son 5 € que irán a beneficio da excursión dos nenos/ás de 6º de primaria do Centro Educativo, e para formalizala ou conseguir máis información, todos os interesados poden dirixirse ao Centro Deportivo de Carral, ao teléfono 981672580 ou ao correo electrónico deportes@concellocarral.com











