Flores destaca que as actividades de prevención diminuíron as intervencións do SEIS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Flores na rolda de prensa

Flores na rolda de prensa

O Tenente de Alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, compareceu ante os medios de comunicación para presentar a Memoria anual do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) correspondente ao ano 2012, na que se recolle que as actuacións relacionadas coa prevención se incrementaron nun 8% respecto a 2011, o que permitiu que o número de intervencións se reducise nun 5,6% respecto ao ano anterior.

Flores recordou que 2012 comezou cos labores de rescate dos tres Policías Nacionais e do novo estudante eslovaco na Enseada do Orzán, e felicitou o SEIS pola súa entrega máis alá do esixible no cumprimento do deber: “Por iso, quero trasladar publicamente a gratitude polo traballo realizado en nome de todos os coruñeses”.

O concelleiro destacou que o SEIS reforzou o traballo de prevención para lograr a redución de incendios, sinistros, rescates e accidentes, ao que dedicou 1.742 horas en 2012, cun incremento dun 8% no número total de charlas (105), reténs (44), simulacros (16) ou visitas de escolares (143). “Entre estas actuacións destacan os reténs para o dispositivo especial de San Juan, no que participaron 23 bombeiros, ou os distintos eventos das festas de verán, como a Feira Medieval, concertos en María Pita, Coliseum ou o Noroeste Pop Rock na praia de Riazor, a regata de grandes veleiros ou a batalla naval”.

Ao respecto, Flores sinalou que en 2012, o Concello, xunto coa Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, organizou a VII Semana da Prevención de Incendios, na que se atendeu a 1.664 persoas entre visitas de profesionais do sector e de escolares. Ao respecto, destacou o importante traballo de prevención que se desenvolve “coas visitas de escolares ás instalacións do parque de bombeiros. Así, os bombeiros recibiron en 2012 a visita de 3.381 alumnos pertencentes a 143 colexios, ás que se dedicaron 453 horas e se está a traballar na elaboración dunha unidade didáctica para o desenvolvemento dun programa educacional activo”, afirmou.

O Tenente de Alcalde destacou que este importante labor de prevención permitiu reducir nun 5,6% o número de intervencións respecto a 2011, ao pasar de 1.391 a 1.312, seguindo a liña descendente dende 2009, correspondendo o maior número de actuacións a incendios (22% do total) e rescate de persoas (15%). Dentro da redución destacan as de intervencións por achiques en roturas (-50%), incendios de vehículos (-44%), incendios forestais (-40%) ou fugas de gas (-30%). “Respecto á distribución das intervencións, a franxa horaria de maior actividade encóntrase entre as 10.00 e as 12.00 horas e as 19.00 e as 21.00 horas, e por días da semana, os sábados e domingos, cunha media de actuacións diaria un 20% máis que a media de luns a venres”, puntualizou.

Flores recordou que en 2012 tamén se realizou un investimento de 1 millón de euros nas obras da ampliación do edificio da Grela, “que será inaugurado proximamente e que inclúe un novo centro de control de emerxencias e a nova Unidade de prevención e investigación de incendios”, e a licitación das obras de construción dun novo garaxe para vehículos de bombeiros e acceso do Parque. Ao respecto, sinalou que en 2012 “se continuou mellorando os tempos de resposta e traballarase este ano na modificación das vías de saída do Parque para intentar reducir aínda máis a chegada dos vehículos aos servizos”.

En 2012, ademais, aprobouse a adquisición de novo material por importe de 660.000 euros para a incorporación dun equipo de excarceración, unha estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidratantes, mobiliario para o posto de control e un vehículo autobomba pesado. “Este investimento aumentará en 2013 con 1 millón de euros para a segunda fase da mellora da rede de hidrantes, un novo vehículo e material diverso para intervencións con mercadorías perigosas”, afirmou Flores.

O Voceiro municipal, destacou, ademais da modernización das instalacións e do material, a aposta pola formación activa e continua do persoal do SEIS -despois de ofertarse e cuberto 113 prazas nos diferentes cursos realizados sobre aspectos como mercadorías perigosas, rescate en altura, abordaxe ou primeiros auxilios- e pola incorporación das novas tecnoloxías, como o Sistema Integral de Xestión de Servizos de Emerxencias, co obxectivo de informatizar a xestión de persoal, medios e servizos do SEIS. “Seguiremos traballando na prevención, na especialización, na formación e na mellora dos recursos, para estar á altura dos profesionais altamente cualificados que forman parte do SEIS”, asegurou.

PATRÓN DO SEIS

Por último, Flores presentou as actividades que se desenvolverán con motivo do Patrón do SEIS, cuxa festividade, San Juan de Dios, se conmemora mañá, cando está previsto un partido de fútbol na Torre e unha comida no Parque. O fin de semana celebrarase a actividade denominada Servizo de Bombeiros na Rúa, na que unha dotación composta por unha Bomba Urbana Pesada, un Autoescaleira e unha Bomba Ama Pesada permanecerá de 11.00 a 14.00 horas xunto ao Obelisco para que as persoas interesadas poidan achegarse a ver os camións, falar cos bombeiros ou preguntar sobre o seu traballo. “Os actos finalizarán o luns día 11 con ao visita do Alcalde, Carlos Negreira, ao Parque da Grela, onde entregará as métopas aos bombeiros xubilados” “durante 2012”, concluíu Flores.

7 de marzo de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.