Flores destaca o esforzo do Goberno para renovar os espazos públicos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O voceiro do Goberno municipal destacou esta mañá o esforzo do Concello por impulsar a modernización dos espazos públicos, mediante un investimento de 11 millóns de euros no 2013, tanto no que se refire a obras coma á mellora de servizos. Tras realizar unha exhaustiva radiografía das rúas da cidade, vanse emprender medidas, que continuarán ao longo de toda a lexislatura, para renovar todos os cantos da cidade.

“Nos últimos 10 anos non se levou a cabo unha política seria de mantemento de espazos públicos na cidade e o actual Goberno municipal esta empezando a poñer solucións a cuestións tan importantes como a iluminación pública, a reposición de beirarrúas ou o pavimento das rúas, as pasarelas peonís, o reforzo da limpeza e aseo de rúas, o mantemento de áreas infantís, da rede de sumidoiros, das fontes; a reposición de colectores, papeleiras, bancos, varandas e morróns, a reparación de sinais de tráfico ou a retirada de postes eléctricos en desuso, entre outros,” e continuou: Duplicamos o investimento destinado aos principais programas de renovación e mantemento dos espazos públicos, porque a situación que herdamos esixe un sobreesforzo para poñer ao día moitas cuestións que se descoidaron por anteriores gobernos”.

Flores realizou un resumo das actuacións máis destacadas:

1. ACCESIBILIDADE
O voceiro destacou a posta en marcha da primeira fase do plan de accesibilidade, por 410.000 euros, con máis de 260 pequenas obras, que van dende ampliación de beirarrúas, á eliminación de elementos urbanos que se converteron en obstáculos, ou a supresión de chanzos en zonas peonís, a mellora de cotas e pendentes, e a creación de novos vaos e de pasos de peóns.

Ademais, o Concello convocará un Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos da cidade (Mestre Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez), para definir o plan para a instalación de escaleiras mecánicas e ascensores nos espazos públicos. “Nos próximos días licitarase a instalación dunha escaleira mecánica na rúa Plaza cun presuposto de 152.198,54 euros unha obra que mellorará o día a día dos residentes na zona e das persoas que realizan as súas compras no mercado de San Agustín”, recordou.

2. ILUMINACIÓN PÚBLICA
O voceiro informou de que o actual Goberno comprobou que se producen 8.000 incidencias ao ano na iluminación pública, o que pon en evidencia que unha importante porcentaxe da rede se encontra obsoleta. “Recentemente aprobáronse medidas para a modernización da rede de iluminación pública da cidade, cun investimento de 1’6 millóns de euros e un prazo de execución de 6 meses”, indicou. O Goberno municipal busca rebaixar o gasto eléctrico a través da instalación de luces de baixo consumo; e optimizar os recursos e reducir a contaminación lumínica. “Entre 2012 e 2013 investimos 2,1 millóns de euros en obras de reposición e renovación da rede de iluminación da cidade, o que permitirá aforrar case 400.000 euros ao ano” sinalou.

Flores informou de que na cidade hai 571 cadros de mando dos cales o 35% non miden a electricidade que se consume. “As obras consistirán na centralización a 31 grupos de cadros de xestión da iluminación pública nun único centro de mando de maiores dimensións e potencia, todos con contador de consumo e con certificado de calidade”.

3. PLAN RUA
Por outro lado, Flores indicou que como mostra de compromiso co coidado dos barrios se continúa desenvolvendo o Plan RUA, unha actuación integral de mantemento e renovación que en 2013 intensificará a súa acción e chegará a 36 barrios durante 11 meses. “En cada barrio realizaranse distintas actuacións como limpeza e aseo de rúas, de áreas infantís e de rede de sumidoiros; mantenieminto de fontes; reposición de colectores, papeleiras, bancos, varandas e morróns; reparacións de iluminación, pavimentos e beirarrúas, entre outras”.

4. PASARELAS PEONÍS
Tamén se aprobou a reparación de 16 pasarelas peonís da cidade, cun investimento de 549.400 euros, que permitirán emendar danos no pavimento e nas estruturas metálicas e de formigón. “O Goberno municipal aborda o mantemento das pasarelas peonís da cidade, que non se tocaron durante moitos anos, pois son elementos que favorecen a mobilidade e accesibilidade dos veciños e a comunicación entre rúas e barrios,”.

5. FONTES DE BEBER
Empezaron os traballos de mellora das fontes de beber que se reparten pola cidade. Realizouse un inventario das 325 fontes públicas e o investimento inicial previsto será de 17.278 euros, para abordar as melloras nas fontes situadas na praza Das conchiñas, praza de España, parques de Santa Margarida, Europa e Oza, xardíns de Méndez Núñez e San Carlos e a praia de Oza. “En caso de ser preciso substituír a fonte, optarase por modelos accesibles, fabricados en aceiro inoxidable e con sistemas de xestión de auga mediante interruptor temporizado”, sinalou.

6. SINAIS DE TRÁFICO
Púxose en marcha unha campaña para revisar a sinalización vertical na cidade co fin de reparar os danos de 200 sinais de tráfico distribuídos por toda a cidade e mellorar a seguridade vial tanto de peóns coma de condutores.

7. PARQUE DE SANTA MARGARIDA
O investimento na primeira fase do Plan de Reforma Integral do parque de Santa Margarita é de 91.961 euros, dentro dun proxecto de mellora vexetal que alcanzará os 1,5 millóns. “A remodelación integral permitirá recuperar un punto de encontro habitual dos coruñeses” indicou, e continuou: “En 2013 executarase unha primeira fase que durará tres meses e incluirá a mellora de espazos verdes, plantación de novas especies e a instalación dun sistema de rego automático nunha área de 2.400 metros cadrados e unha segunda fase na que se vai recuperar unha segunda zona de 3.000 metros cadrados no acceso ao parque dende a rolda de Nelle, cun investimento de 100.000 euros,”.

8. REFORMA DE ESPAZOS PÚBLICOS
O Goberno local investirá 330.000 euros para renovar o ámbito da Palloza, Concepción Areal, Costa da Palloza e outros 114.000 euros para reformar a praza entre Catro Camiños e Concepción Areal.
Flores sinalou outras actuacións como a pavimentación e impermeabilización da praza situada entre a avenida Dos mallos e a rúa Filipinas, así como a renovación da rúa Iberia, cun investimento de 409.827,86 euros e un prazo de execución de cinco meses; o mantemento de aseos públicos cun investimento de 200.000 euros; a eliminación do tapón de Atocha cun investimento de 234.000 euros; a reforma da Coiraza do Orzán que levou consigo a recuperación dos restos arqueolóxicos ou o acondicionamento do noiro de Lamadosa, cun investimento de 100.000 euros. “Queda moita tarefa por diante para renovar uns espazos públicos que estiveron abandonados durante moitos anos” finalizou.

1 de marzo de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.