Finalizan as obras de canalizacións soterradas na rúa Ponte de Ponte Caldelas

Finalización das obras
O Alcalde de ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que esta semana se finalizaron as obras na C/Ponte da vila, consistentes na instalación de varias canalizacións subterráneas que cruzan o vial para varios servizos de saneamento, pluviais e subministración de enerxía eléctrica.
Por un lado, o Concello realizou dous cruzamentos subterráneos á altura da C/Emigrante e da C/Igrexa co obxectivo de instalar canalizacións para a rede de saneamento e para a rede de pluviais.
Á altura da C/Igrexa instaláronse dúas canalizacións, unha substituíu a antiga da rede de saneamento e a outra conectou a rede de pluviais desa rúa coa canalización xa instalada que cruza a alameda, co obxectivo de que toda a auga que baixa por esa rúa non desemboque na rede de pluviais da C/Ponte, que na actualidade provocaba inundacións os días de chuvia porque non ten capacidade para tanto caudal. Ao canalizar a auga pola nova canalización xa instalada na alameda o pasado ano, conseguiuse dividir a auga que procede da zona alta da vila, aliviando a rede de pluviais da C/Ponte.
Tamén se realizou un cruzamento á altura da C/Emigrante para conectar a rede de saneamento que procede de Pazos e da C/José López Boullosa cunha nova canalización xa instalada cando se reformou esa rúa. Actualmente as augas fecais e pluviais que baixaban de Pazos facíano pola mesma canalización. Agora, grazas á separación de canalizacións que se está a realizar dende a recta de Pazos coas obras de reforma da estrada, poderán xa derivarse en canalizacións separadas o que redundará nun mellor funcionamento da depuradora e menor consumo do bombeo previo existente.
Por outro lado a empresa subministradora de enerxía eléctrica da zona ELEMOL tamén realizou ao mesmo tempo 3 cruces na C/Ponte para completar a rede eléctrica soterrada que se realizou nos últimos anos en varias rúas da zona urbana.
Estas actuacións realizáronse esta semana posto que nos próximos días por parte da empresa que está a executar a reforma da PO-255 vaise proceder ao fresado e novo pavimentado desta rúa, posto que as obras de reforma da PO-255 ponte Caldelas – Caritel – Forzáns se inician precisamente no cruzamento da C/Ponte, que é o punto quilométrico 0 desta estrada.
Precisamente, por este motivo o Alcalde coordinou estas actuacións coa Xunta e coa empresa construtora COPASA, para poder realizar estas canalizacións soterradas previamente ao novo pavimentado do vial. Nesta rúa está previsto ademais que unha vez pavimentada se constrúan 2 pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade vial e garantir os límites de velocidade.
Perfecto Rodríguez lamenta as molestias xeradas no tráfico estes días, pero era necesario realizalas antes do pavimentado do vial. Ademais aproveitouse unha semana na que non hai mercado e que nestes días non había predición de chuvias.











