Festival infantil solidario en Nigrán
O Salón de Actos do Concello de Nigrán acollerá o vindeiro sábado 16 de marzo un novo evento solidario, nesta ocasión, dirixido a recadar fondos para Sheila, unha nena de catro anos de idade enferma, con moitas necesidades médicas e sanitarias que os pais non poden cubrir na súa totalidade cos seus propios recursos.
Por iso, amigos e familias coordinan, en colaboración co Concello de Nigrán, a celebración dun festival infantil, co que a partir das 17.00 horas do sábado, nenos e pais poidan pasar unha tarde divertida mentres colaboran cunha boa causa. O prezo da entrada, que será de cinco euros, destinarase integramente a axudar a Sheila coas súas operacións e tratamentos médicos.
O festival contará coa actuación de catro compañías vinculadas coa animación infantil, que participan neste evento de forma totalmente altruísta. A diversión de Laugh&Lies coas súas pezas cómicas; a sorpresa e a maxia do Mago Cali; a beleza dos monicreques con Tanxarina e o humor e orixinalidade de Barafunda Animación completan un cartel de máis de dúas horas de duración, especialmente deseñado para o goce dos máis pequenos, e de toda a familia.
Sheila
Sheila é unha nena de catro anos de idade, veciña de Vigo, que desde o seu primeiro día de vida sofre complicacións médicas. Displasia broncopulmonar desde o seu nacemento, que a obrigou a vivir pegada a unha bombona de osíxeno; alteracións metabólicas e unha man zamba cubital, que require catro complicadas operacións nunha clínica de Barcelona, son algunhas das súas doenzas. A recadación deste evento destinarase a cubrir o catro complicadas operacións en Barcelona.











