Ferrol presenta a nova páxina web municipal que inclúe servizos da administración electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde, José Manuel Rey Varela, e o concelleiro de Participación e Novas Tecnoloxías do Concello de Ferrol, José Manuel Vilariño Anca, presentaron hoxe a nova páxina web municipal. O renovado sitio www.ferrol.es da cidade contén o mesmo contido que o anterior, pero ampliado e redistribuído; ademais dunha simplificación en canto á presentación e mellor navegación e accesibilidade. Ademais, e como principal novidade, a nova páxina inclúe servizos da Administración electrónica, como as solicitudes de Rexistro Xeral ou os certificados e volantes de empadroamento.  “Incorporamos a administración electrónica dende o punto de vista real, non virtual” , subliñou o primeiro edil da cidade.

O Centro de Recursos Informáticos (CRI) do Concello de Ferrol foi o encargado deste novo deseño que Rey Varela describiu como “vivo, sinxelo e con maior accesibilidade para os cidadáns, aumentando así a nosa relación con eles”. Ademais, destacou dúas cuestións que o goberno actual consegue no presente mandato coa renovación da páxina web e nas que seguirán traballando. A primeira consiste na incorporación da administración electrónica, grazas a ela, trámites como o volante e certificado de empadroamento ou solicitudes xerais por rexistro, poderán realizarse a partir de agora dende os propios domicilios a través do DNI electrónico. Isto evitará que os cidadáns teñan que desprazarse ata a Casa Consistorial ou chamar por teléfono. “As novas tecnoloxías son un elemento fundamental para modernizar a administración da nosa cidade” dixo. A segunda é a transparencia e participación, no que “o Concello ferrolán é un exemplo para outras administracións” , subliñou o rexedor ferrolá.

Pola súa parte, Vilariño Anca, concelleiro de Participación e Novas Tecnoloxías, destacou que se distribuirán entre entidades veciñais e sociais os lectores de DNI electrónico. Ademais, técnicos do Concello explicarán ás entidades o funcionamento destes novos servizos, coa obxectivo de facilitar aos cidadáns o acceso a administración electrónica. Esta é a novidade máis destacada, pero non a única; entre elas podemos encontrar un apartado para escribir ao alcalde, unha área de reclamacións e suxestións, un canle you tube ou indicadores de transparencia.

21 de marzo de 2013 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.