Ferrol outorgará as axudas para a matrícula en Escolas Infantís da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta hoxe da aprobación das bases reguladoras da convocatoria de axudas para escolas infantís para nenos/as menores de tres anos por parte da comisión informativa da área. No regulamento definitivo que rexen estas axudas, o goberno municipal tivo en conta a achega feita polo PSOE no sentido de que se garante que non haberá listas de espera de familias agardando por esta achega senón que todas aquelas que a soliciten disporán dela, tal e como xa se comprometera  Martínez Beceiro na comisión informativa celebrada a semana pasada.

Así as cousas, e no que atinxe á postura manifestada polos grupos municipais na comisión de Benestar desta mañá o Partido Popular, o Partido Socialista e Independentes por Ferrol apoiaron as bases de axuda a escolas infantís presentada pola titular de Benestar Social. Pola súa banda, Esquerda Unida non estivo presente na comisión; e o BNG decidiu absterse despois de non ter feito suxestión ou achega algunha ao documento.

Unha vez aprobado o texto regulador destas achegas a familias que desexen matricular aos seus fillos/as en escolas infantís,  a Concellería de Benestar fará público proximamente a data de entrada en vigor desta anovadora iniciativa que se enmarca no Plan de Oportunidades que está a desenvolver o executivo de Jose Manuel Rey Varela. Así mesmo, o Concello de Ferrol asinará un protocolo de colaboración coa rede de escolas infantís da cidade que teñen concerto coa Xunta de Galicia para a posta en marcha deste programa de axudas. Ao respecto, a edil Martínez Beceiro lembrou que “as familias que leven os seus nenos/as ás escolas de Afesín poderán solicitar as achegas de maneira inmediata, unha vez que entren en vigor, e durante todo o ano”. Así mesmo, a responsable de Benestar apuntou que este plan de axudas tamén está aberto á rede pública de “A Galiña Azul”, sinalando que “concederemos beca ás familias para matricular aos seus nenos nas escolas infantís públicas unha vez que estas abran o período extraordinario de inscrición en setembro”.

Axudas de até 50 euros

Con as bases aprobadas hoxe en comisión, o goberno que preside Rey Varela concederá axudas ás familias de até 50 euros por neno/a.  Poderán optar a estas bolsas os nenos que nazan este ano e realicen unha matrícula previa nalgunha das oito escolas infantís da asociación Afesín de Ferrol, concertadas coa Administración autonómica, que son: La Salle, Os Meniños, Belén, ABC, San Rosendo, Chip y Chop, Ludy e Aloha. A partir do mes de setembro tamén se beneficiarán deste programa as familias que leven os seus nenos á rede “A Galiña Azul”.

Entre os requisitos que se recollen nas bases está que as familias leven un mínimo dun ano empadroadas en Ferrol; e deberán entregar no Concello copia da matrícula previa da escola infantil na que demandan praza, así como a contía mensual que deben abonar. Os criterios económicos polos que se rexerá o Concello de Ferrol para o outorgamento das achegas económicas ás familias son as que estipula a Xunta de Galicia no decreto 49/2012 de 19 de xaneiro de polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos dependentes da Consellería de Traballo e Benestar Social.

14 de marzo de 2013 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.