Ferrol inicia os trámites para a construción da rotonda de conexión de Santa Icía co novo polígono
O Concello de Ferrol aprobou hoxe, de maneira inicial, o proxecto de expropiación por taxación conxunta de terreos para levar a cabo parcialmente a rotonda de conexión da estrada de Santa Icía co novo polígono comercial de O Boial. Así o acordou a Xunta de Goberno Local, reunida este mediodía en sesión extraordinaria para dar luz verde a esta actuación que permitirá mellorar a comunicación este contorno da cidade que se atopa en pleno desenvolvemento. O presuposto reservado pola Administración ferrolá para este proceso de expropiación ascende a un total de 22.087,91 euros.
O proxecto de expropiación levada a Xunta de Goberno pola Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo, que dirixe Guillermo Evia Pérez, conta co informe favorable do arquitecto municipal de planeamento, así como do xurista de Urbanismo. A urbanización parcial da rotonda de conexión da estrada de Santa Icía co denominado PP-4-R O Boial está incluída no sistema xeral adscrito ao plan parcial e a outra parte situada no solo urbano consolidado do Plan Xeral.
Unha vez que o devandito proxecto de expropiación dispón da súa aprobación inicial por parte da Administración municipal, o seguinte paso é a súa exposición pública polo prazo dun mes, mediante inserción no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nun periódico dos de maior circulación da provincia. Así mesmo, deberá incluírse o anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a notificación a aqueles propietarios que puideran resultar descoñecidos ou que non se puidera practicar a notificación, así como na paxina web ou no taboleiro de anuncios do Concello de Ferrol. Igualmente, as taxacións se notificarán individualmente as persoas que figuren como titulares dos bens e dereitos no expediente co obxecto de que estas poidan formular alegacións no prazo dun mes, a contar a partir da data de notificación. Informadas as alegacións se someterá o expediente á aprobación definitiva por parte da Xunta de Goberno Local.











