Ferrol inicia o proceso de contratación da rehabilitación dos baixos da Costa de Mella
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol aprobou hoxe iniciar o proceso de contratación do proxecto básico e de execución para a rehabilitación dos baixos da Costa de Mella e os xardíns de San Francisco. Deste xeito, cúmprese o anunciado polo alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, o pasado venres durante o percorrido polas rúas do centro histórico para comprobar as actuacións do novo Plan de Barrios.
Así as cousas, a recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos xardíns de San Francisco suporá un investimento de ao redor do millón de euros, aínda que o custe real non se coñecerá até que non estea elaborado o proxecto de actuación. Unha intervención que pasa por rematar co saneamento da propia muralla, xa iniciado neste mandato; recuperar os espazos interiores da mesma para albergar o Centro Interpretativo da Cidade e a Oficina Central de Turismo; restablecer a comunicación por escadas entre a alameda do Carbón e os xardíns e incorporar un ascensor panorámico dende a entrada dos baixos de San Francisco.
Esta ambiciosa actuación forma parte do proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, que se enmarcou no relanzamento da candidatura a Patrimonio Mundial, de aí a proposta de que un dos espazos dos baixos da Costa de Mella se dedique a Centro de Interpretación. A recuperación e posta en valor da Costa de Mella e o seu contorno financiarase con fondos municipais, e a previsión é que sexa unha realidade no ano 2015. A execución deste proxecto deberá contar previamente co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Como primeiro paso, a Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á contratación do proxecto básico de execución, para o que o Concello de Ferrol ten reservada unha partida económica de 69.176,21 euros (co 21% de IVE incluído).
Equipamento antigo Hospicio
Ademais do proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, outra das actuacións importantes que hoxe saíron adiante en Xunta de Goberno Local foi o contrato para a subministración do equipamento do antigo Hospicio municipal, que correrá a cargo da empresa Suministros Técnicos de Galicia S.L. Hospicio. A contía do investimento necesario para esta actuación ascende a 67.760 euros (21% de IVE engadido).
A contratación do equipamento do antigo Hospicio é un paso máis que da o actual executivo ferrolán para poñer a disposición da cidadanía un inmoble de gran valor arquitectónico e histórico. As obras de rehabilitación permitiron devolver o esplendor a un inmoble protexido catalogado no Plan Especial da Magdalena, poñendo en valor e recuperando elementos orixinais do mesmo como os piares de forxas, os vellos pozos de abastecemento do complexo, a escada, as paredes de zinc, etc. Dentro da intervención feita destaca o feito de que se dotara ao edificio dun ascensor panorámico. Así mesmo, nas súas tres plantas distribúense diferentes espazos para aulas, biblioteca, salón de actos, etc.











