Ferrol entrega chaves ás entidades que farán uso de locais no Centro Concepción Arenal

Entrega aos representantes das entidades
O Concello de Ferrol fixo entrega ás entidades veciñais e culturais das chaves dos locais que ocuparán nos edificios números 202 e 204 da rúa Magdalena, recentemente rehabilitados pola Administración ferrolá con fondos públicos e que levarán o nome de Centro Concepción Arenal. Previamente a este acto administrativo de entrega de chaves, o Pleno de Ferrol aprobara o pasado mes de xaneiro os convenios de cesión de usos de estas dependencias.
Así as cousas, as entidades beneficiarias destes acordos, e unha vez que xa están completados todos os trámites por parte do Concello de Ferrol, irán facendo o seu traslado ao Centro Concepción Arenal. Segundo os acordos plenarios, a distribución de espazos nos inmobles números 202 e 204 da rúa Magdalena é a seguinte: a planta baixa a ocupará a Sociedade Filharmónica Ferrolá; a primeira albergará a sede da Sociedade Artística Ferrolá (SAF); a Asociación de Veciños da Zona Centro estará na segunda planta; e o Ateneo Ferrolá terá á súa disposición dous andares: o terceiro e o cuarto. Ademais, a diferenza do que viña sucedendo até o de agora, será a Administración municipal a que asuma os custes de mantemento dos dous edificios, incluídos os servizos básicos como a auga, a electricidade ou o teléfono, entre outros.
O concelleiro responsable da Área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos insistiu en que o Centro Concepción Arenal “estará aberto ao tecido cultural e asociativo de Ferrol”, engadindo que este inmoble “é un equipamento cultural e de uso cidadán no que a Sociedade Filharmónica Ferrolá, a SAF, a AVV Zona Centro e o Ateneo manterán cadansúa personalidade e identidade; e levarán a cabo os seus propios programas e actos co apoio do Concello de Ferrol”.
Rehabilitación
Así mesmo, Langtry Caínzos lembrou que a recuperación dos inmobles 202 e 204 da rúa Magdalena, de gran valor patrimonial e protexidos polo Plan Especial do casco histórico da cidade, completouse neste mandato co desbloqueo dos traballos que se atopaban paralizados. De feito, o actual executivo local tivo que acometer a reforma integral da cuberta, a substitución do pavimento de madeira e a renovación da instalación eléctrica, elementos básicos en calquera intervención de rehabilitación que, sen embargo, non estaban contemplados no proxecto orixinal herdado do cuadrienio anterior.











